Por primeira vez na historia os orzamentos autonómicos destinan cero euros de maneira nominal ao concello de Ames.

Miñones: “Imos a defender con uñas e dentes os intereses do concello e da cidadanía e non imos a consentir que o PP, coa complicidade do alcalde, atente deste xeito contra o municipio

Os Socialistas de Ames veñen de estudar os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2015, e amosan a súa decepción e o seu estado de frustración, xa que “as contas demostran de maneira evidente que a Xunta de Galicia e o Partido Popular de Galicia deixa totalmente desamparado e abandonado ao concello de Ames”, di o portavoz socialista, José Miñones.

É a primeira vez na historia que nos orzamentos da Xunta de Galicia non se consigna un só euro de maneira nominal para Ames, din os socialistas. E pregúntanse que vai a pasar coas obras previstas, algunhas delas comprometidas por algúns conselleiros e que á súa vez son tan necesarias e urxentes para os veciños e veciñas da localidade. Nin o novo centro de saúde de Milladoiro, nin o arranxo do vello, nin actuacións no centro de saúde de Bertamiráns, nin a ampliación da depuradora de Sisalde, nin o arranxo e mellora dos tramos do Camiño de Santiago, … en definitiva nada de nada. “Estamos fondamente preocupados porque estes orzamentos autonómicos son unha clara agresión ao concello de Ames, xa que atacan directamente nas necesidades máis básicas que actualmente teñen os veciños e veciñas de Ames”, di con rotundidade Miñones. “Nós –en referencia aos Socialistas de Ames- imos a defender con uñas e dentes os intereses do concello e da cidadanía e non imos a consentir que o Partido Popular, coa complicidade do alcalde, atente deste xeito contra o municipio”, di o portavoz socialista.

Grandes necesidades esquecidas
Afirman os socialistas non entender como nos orzamentos de fai dous anos (2013) aparecían máis de dous millóns de euros -2.776.085,29€- para a construción do novo Centro de Saúde de Milladoiro, e que tras non realizarse as obras esa partida desaparecera e polo tanto se esqueceran en San Caetano –en referencia á sede da Xunta- da urxente necesidade de contar cun dispensario que albergue nas condicións básicas sanitarias aos máis de 15 usuarios e usuarias de Milladoiro. O mesmo acontece coa ampliación da depuradora de Sisalde, a cal foi comprometida en febreiro do 2012 polo ex conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e que a día de hoxe –case tres anos despois- segue sen terse novas desa promesa.

A estas obras hai que sumar novas carencias existentes que son importantes para os veciños e veciñas e tamén para o desenvolvemento do municipio. A necesidade de realizar melloras na distribución e o acondicionamento no Centro de Saúde de Bertamiráns, que na actualidade atende a case 18.000 usuarios/as; o arranxo dos tramos do Camiño de Santiago, tanto o portugués ao seu paso polo Milladoiro, como o de Fisterra ao seu paso polas parroquias de Covas, Ames e Trasmonte; a correcta canalización das augas pluviais no viaduto da AG-56 en Covas, a construción de sendas peonís na estrada Santiago-Portomouro ao seu paso por Piñeiro; a conexión do Polígono industrial do Milladoiro coa AG-56, etc. En definitiva, “Ames posúe unhas carencias e necesidades importantes que son competencia da Xunta de Galicia e que non atende porque deixou de apostar porque o noso concello medre e se desenvolva”, di José Miñones, o cal continúa afirmando que “estes últimos tres anos do goberno do PP, tanto na Xunta como en Ames foron un desastre e unha lacra absoluta para o desenvolvemento do municipio, que pasou de ser un exemplo de progreso e de crecemento a converterse nunha mostra de desleixo e abandono por parte dos seus gobernantes”.

Como vai actuar o alcalde?
A pregunta que xurde agora e que se fan no PSdeG amiense é: como vai a actuar o alcalde?. Seguramente a súa actuación non variará en exceso da que vén desenvolvendo nos últimos meses, que é a de cruzarse de brazos, mirar para outro lado e buscar culpables, é dicir, seguirá sen asumir as súas responsabilidades como máxima autoridade municipal. “Santiago Amor fai moitos meses que abdicou das súas funcións de alcalde e fuxiu do concello, dedicándose só a aparecer para sacarse fotos”, di Miñones, e “non hai dúbida de que continuará actuando do mesmo xeito, porque xa leva demostrado que pouco ou nada lle interesan os problemas de Ames e os dos seus veciños e veciñas”.

A incapacidade e a ineptitude do alcalde e o seu goberno
O gran problema de que estes orzamentos destinen cero euros a Ames vén dado pola incapacidade e a ineptitude do alcalde e do seu goberno, o cal ten demostrado durante este tempo que carecen de ideas e un proxecto concreto para o concello, e ademais, non teñen o peso político nin a capacidade para impoñerse dentro do Partido Popular, ao que hai que sumar a indolencia e as poucas ganas de traballar para visitar consellerías e entes autonómicos para pelexar as obras e as actuacións necesarias. “Un dos males do goberno de Santiago Amor, é que foi incapaz de presentar un proxecto ou proposta nova para Ames durante o seu mandato, o que pon de manifesto a súa escasa capacidade política para xestionar un concello; e, o peor é que tampouco foi capaz de sacar adiante a maioría dos temas e obras que estaban pendentes”, explica o portavoz socialista, e segue manifestando que “non cabe dúbida que Amor foi o peor alcalde que tivo Ames en toda a súa historia, porque protagonizou a etapa máis negra e negativa do concello”

Unidade de acción
Fai un ano, cando se presentou o anterior orzamento, pediamos unidade de acción para defender os intereses de Ames, proposta que foi rechazada polo goberno; nesta ocasión consideramos que esa unidade é fundamental para evitar a burla á que a Xunta somete a Ames, e tendemos a nosa man para reclamar e loitar conxuntamente polo ben do concello e dos amienses. Pero, de todos os xeitos anunciamos que de non ir xuntos, os socialistas de Ames xa nos poñemos a traballar desde hoxe para intentar cambiar no Parlamento os orzamentos da Xunta vía emendas, e remitiremos cartas ao presidente da Xunta e aos organismos necesarios para que Ames se vexa reflectido nestes orzamentos.