Os socialistas amosan a súa indignación ante o novo atropelo do goberno de Ames no tema da licitación da auga

Auga

O Grupo Municipal descubre un decretazo do Alcalde no que se contrata un novo asesoramento para a licitación do contrato da auga sen informar á comisión aberta para este asunto

O goberno actúa de costas á oposición e decide gastar 20.000€ máis no procedemento de licitación que xa quedara deserto hai 7 meses.

Os Socialistas de Ames acaban de atoparse con outro atropelo máis do Goberno de Ames, xa que mediante un decretazo e en referencia ao eterno proceso de licitación do contrato da auga acaba de adxudicarlle a unha empresa de enxeñaría a execución das labores de asistencia na elaboración de documentos de licitación da concesión de xestión do servizo público dos servizos de saneamento e abastecemento do Concello de Ames

O contrato de licitación da auga de Ames, o máis importante da lexislatura e de preto de 30 millóns de euros, quedou deserto o pasado mes de setembro de 2013 ao non presentarse ningunha empresa. Ante esta situación anómala o Goberno tivo que prorrogar o servizo á empresa que o está a levar durante os últimos anos, Espina&Delfín por un período máximo de un ano. Este feito provocou un dano aos intereses dos veciños e veciñas de Ames que verán incrementar o custe de mantemento da rede de abastecemento e depuración ao estar fora do prazo de contrato.

Dende o primeiro momento os Socialistas advertimos da necesidade de facer unha auditoría seria e en profundidade do estado da rede para poder levar a bo porto o concurso de licitación, así como a necesidade de poñerse a traballar canto antes neste concurso, cousa que dixemos xa no mes de novembro de 2012. Ante a falta de actitude e traballo do Goberno tívose que aprobar unha comisión especial sobre este contrato no pleno de febreiro, a cal non comezou a traballar ata abril de 2013. Nas diferentes reunións das comisións o Goberno afirmou ter unha auditoría feita e contratada pola súa conta a unha empresa seria do sector, importe que ascendeu a preto de 14.500€ con IVE incluído.

Os Socialistas de Ames xa manifestamos que dito estudo carecía do carácter necesario para un contrato tan importante e non se podía considerar como unha auditoría, feito que posteriormente foi confirmado polo propio responsable do estudo na comparecencia que fixo na comisión a petición do PSdeG.

Informes técnicos
Ante a situación creada pola falta de candidaturas ao concurso os Socialistas pedimos informes dos técnicos do Concello sobre as diferentes alternativas que se abrían para o Concello. Unha das propostas que puxemos enrriba da mesa para que fora estudada foi facer unha licitación a curto tempo de cara a poder facer un estudio serio e responsable que dera ao Concello unha auditoría do estado da rede, esixencia solicitada dende o primeiro momento polo noso grupo. O informe dos técnicos foi presentado á comisión a finais de febreiro de 2014 e nel dábase conta das explicacións das diferentes alternativas viables para o Concello pero nas que se chamaba a atención do pouco tempo de execución co que se contaba para cada unha delas e antes da finalización da prórroga con Espina que remata en setembro do presente ano. A comisión aceptou estudiar en primeiro lugar a posibilidade de contratar a unha empresa pública, EMALCSA, durante un período curto de dous anos, e que esta mesma empresa se encargase de facer neses dous anos unha auditoría en profundidade, recoñecéndose polo Goberno que a anterior non o era e a necesidade de tal asunto. Nesa reunión da comisión quedouse por parte do Goberno de facer as xestións oportunas para estudar a viabilidade e que se reuniría á Comisión novamente para contarse os avances de ditas reunións.

Decretazo
Dous meses despois da última reunión da comisión e sen novas por parte do Goberno o Grupo Municipal Socialista pediu no pleno ordinario do pasado mes de marzo que se convocara de forma urxente a comisión para coñecer os avances feitos polo Goberno. Non entendemos que o Goberno non avance neste asunto tan importante e que conta cun prazo tan curto de tempo para a súa resolución tal e como admitiron os técnicos do Concello. O pasado luns a concelleira Eugenia Martín quere convocar a Comisión do ciclo integral da auga para o dia seguinte pero algúns representantes non podían asistir ese día. Fálase, entón, de facela nese momento xa que estaban presentes todos os representantes dos grupos da corporación. Foi nese intre cando a Concelleira cuestiona o número de representantes que Forman parte da Comisión do ciclo integral xa que di que só debería haber un representante, o cal era incerto. Dada esa discrepancia e a falla de entendemento e dialogo da concelleira o portavoz do PSdeG, José Miñones, levántase e pídelles que fagan unha convocatoria oficial e regulamentariamente e marcha, acompañado dos demais grupos. Foi ao dia seguinte tras revisar os decretos da alcaldía para o pleno cando o Grupo Socialista se atopa con esta desagradable sorpresa.

Os Socialistas de Ames estamos cansos de que o goberno de Santiago Amor se ría de nós e de todos os veciños e veciñas de Ames, xa que é intolerable que menosprecie e salte a Comisión creada para xestionar a licitación do servizo de auga e decida de maneira unilateral contratar unha empresa sen informar previamente á oposición. “Esta maneira de actuar de Amor e o seu equipo só nos leva a pensar que ten algo que agochar e a dubidar das súas actuacións”, di o portavoz José Miñones, porque de non ser así “cales son as razóns pólas que non nos informa e consulta esta decisión”

O PSdeG ten claro que este decretazo é un atropelo á transparencia e ao respecto institucional e que Amor actúa de costas á oposición para gastar outros 20.000 euros póla porta de atrás, aos que hai que engadir os 14.500 € gastados anteriormente para o mesmo concepto e que non serviron de nada.

“O Grupo Socialista pediralle explicacións neste pleno ao alcalde porque non se pode tolerar a maneira despótica de actuar, e moito menos a ansia derrochadora deste goberno do PP”, anuncia Miñones. E avisamos os socialistas que se están facendo as cousas mal novamente, xa que “continúan sen realizarse unha auditoría para coñecer o estado da rede, algo que consideramos imprescindible”, di o portavoz socialista, “mentres o goberno de Amor continúa a gastar cartos sen sentido e sen facer unha previsión real, seria e profunda das necesidades”.

“Está claro que nos opoñemos a esta maneira de actuar, e polo tanto a este sospeitoso decretazo de Amor que imos a acabar pagando todos os amienses, pólo que esperamos que á máxima brevidade posible convoque unha xuntanza da Comisión para que den as explicacións oportunas”, remata José Miñones

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *