Os Socialistas de Ames din que “loitarán para que o parque de bombeiros comarcal do Milladoiro sexa unha realidade”

Miñones constata a reaparición do alcalde popular, Santiago Amor, como home-anuncio, tal é como fixera nas eleccións de hai catro anos: “dedícase a facer propaganda electoral coas necesidades dos veciños e das veciñas de Ames, agora tócalle o turno ao parque de bombeiros”

Os socialistas de Ames xa presentaron un escrito, en marzo do ano pasado, no que solicitaban ao goberno popular que estudara a posibilidade de utilizar a parcela S16, situada no polígono de O Milladoiro, para albergar o centro de saúde, o parque de bombeiros e a nova igrexa parroquial. “Ata o día de hoxe non temos resposta algunha ao respecto e agora o noso alcalde, Santiago Amor, volve de novo a falar de compartir infraestruturas co concello compostelá”, sinala o portavoz socialista, José Miñones.

No tocante ao parque de bombeiros comarcal, e tal como se pode interpretar pola información aparecida hoxe, ninguén nega a necesidade de tal infraestrutura para toda a comarca de Santiago, pero xa vai sendo hora de que as administracións, en especial a Xunta de Galicia, se poñan de acordo e decidan facer algo serio e de verdade. Fai máis de oito anos que o edificio dos bombeiros de Santiago está paralizado, e fai máis de seis anos que Ames ten uns terreos cedidos no Milladoiro, e desde aquela aínda ninguén “moveu ficha” e “casualmente antes das eleccións volve a recuperarse a idea do parque comarcal en Compostela cando esta idea xa estaba aparcada”, di o candidato do PSdeG.

“Para cando unha solución a este tema?”, pregunta Miñones. “Ames necesita un parque de bombeiros, e o alcalde neste tema, como en moitos outros, permanece de brazos cruzados sen resolver nada”. Continúa José Miñones manifestando que “os socialistas estamos a favor do parque de bombeiros comarcal e loitaremos para que sexa unha realidade, porque ademais é unha necesidade, non só para Ames, senón para toda a comarca”. Explican os socialistas que na actualidade a comarca está desprotexida porque ante a existencia dun gran incendio os Grupos de Emerxencias (GES) de Protección Civil non teñen nin os medios técnicos nin a preparación para poder actuar, e deben de desprazarse os Bombeiros de Boiro ou os de Ordes.

Santiago Amor: home-anuncio
Corría o ano 2011 cando o hoxe alcalde de Ames, Santiago Amor, se reunía co, por aquel entón, alcaldable Gerardo Conde Roa, para falar de “compartir infraestruturas”. Catro anos despois, o mandatario amesán volve ser o home anuncio de entón. Día si, día tamén aparece nos xornais en reportaxes fotográficos cargados de promesas xa anunciadas e nunca cumpridas. Para o candidato socialista “o Sr. Amor debería de estar falando coa Xunta de Galicia para comezar as obras do parque de bombeiros, e non permitir que sigan lanzando globos sonda para ver a viabilidade de facela en Santiago, cando hai anos que esta vía foi descartada a favor da súa edificación no polígono empresarial de O Milladoiro”.

Os atrancos administrativos están a dificultar unha obra necesaria tanto para Ames como para a súa contorna. O portavoz municipal dos socialistas de Ames, José Miñones, recalca que “Ames xa ten cedida unha parcela para tales fins, a mesma parcela que acollerá a nova igrexa parroquial de O Milladoiro, unha infraestrutura que en breve comezará a súa construción, mentres que a do parque de bombeiros e a do centro de saúde seguen estando no limbo administrativo”.

Os socialistas de Ames se preguntan “por que están paralizados os traballos respecto de dúas desas tres obras. Nós facemos propostas para avanzar no desenvolvemento de Ames, para que os veciños e veciñas poidan gozar de infraestruturas das que, por outra banda, teñen dereito, e Amor segue a facer oídos xordos”.

“Cremos que é necesario e urxente que o actual alcalde de Ames, se poña xa en serio a traballar e se deixe de tanta pose cos seus compañeiros de partido, facendo anuncios e máis anuncios e non levando a cabo ningunha actuación para o noso concello”, asevera Miñones.

“Nós queremos un parque de bombeiros para Ames, así o manda a lei e así hai que facelo. Só falta que Santiago Amor deixe de bailarlle a auga ao resto dos populares e se poña a mirar polos veciños e veciñas de Ames”, engade o candidato socialista á alcaldía de Ames.

José Miñones está seguro de que construír o parque de bombeiros en O Milladoiro “posibilitaría a apertura do polígono á autovía, e isto desbloquearía moitos dos problemas que a nivel de circulación viaria ten O Milladoiro coa N550. Cremos que o parque de bombeiros sería un impulso para esta conexión”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *