As últimas informacións vertidas polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, sobre as obras que se van realizar no concello amesá, fan temer aos socialistas de ames que Santiago Amor, seguindo coa súa liña de “non traballo”, non só deixe de mirar polos intereses dos veciños e veciñas de Ames, senón que, segundo parece, estea a delegar as funcións gobernativas inherentes ao cargo de alcalde no seu homólogo compostelá.

Os socialistas de Ames veñen de presentar sendos escritos en relación ao interese que teñen tanto o alcalde de Ames, Santiago Amor, como o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, sobre a posibilidade de construir o parque comarcal de bombeiros na cidade compostelá e tamén, en relación á contrución dunha rotonda de dobre nivel no Milladoiro, co fin de solventar o tráfico que se achega ao polígono empresarial de O Milladoiro, anuncio que fixo o Sr. Hernández, tratándose dunha obra que concerne ao concello de Ames, e polo tanto ao alcalde amesá.

No mes de decembro o alcalde Santiago Amor presentou unha proposta coa que pretendía recuperar os terreos cedidos á Xunta de Galicia para edificar no Milladoiro o parque comarcal de bombeiros, “unha infraestrutura urxente e necesaria para o noso concello, xa que nestes momentos estamos desasistidos e temos que botar man de dotacións procedentes doutros concellos. Dito punto non saiu adiante porque o Grupo Socialista pediu que o tema quedara sobre a mesa mentres non houbera un pronunciamento oficial e por escrito da renuncia por parte da Xunta de Galicia a contruír o parque comarcal de bombeiros no Milladoiro”, explica o portavoz municipal dos socialistas de Ames, José Miñones.

“A nosa sorpresa vén en aumento cando saen ambos alcaldes, o de Ames e o de Santiago, afirmando que están a estudiar a posibilidade de trasladar a ubicación do parque comarcal de bombeiros a Santiago, cando nós seguimos tendo eses terreos cedidos á Xunta de Galicia, que a día de hoxe segue sen dicir nada ao respecto”, afirma Miñones. E engade: “descoñecemos o interese que pode ter o noso alcalde para ningunear desta maneira os intereses da cidadanía amesá, en favor dos intereses do Sr. Hernández. Por iso lle pedimos a Santiago Amor que nos explique que motivos lle levaron a retomar de novo este asunto?, e que nos confirme se está ou non en contra da construción do parque de bombeiros en Ames?. Cremos que os veciños e veciñas de Ames deben ser os primeiros en coñecer as resolucións que toma a alcadía respecto de temas que son do seu interese”.

O alcalde de Santiago goberna Ames?
E se os veciños e veciñas amesáns deben coñecer de primeira man asuntos que lles abranguen, non é menos certo que eses anuncios debería de facelos o máximo mandatario municipal, que non é outro que Santiago Amor, o seu alcalde. Aínda que os socialistas están a comprobar que, segundo declaracións do propio alcalde compostelá, Agustín Hernández, “é este último o que está levando o peso do concello amesá, xa que nestes días está a falar de obras que se van realizar no noso concello, como se fóra el o encargado de decidir sobre que equipamentos ou infraestruturas se van facer o van deixar de facerse”, afirman os socialistas.

“Non entendemos quen está a gobernar Ames. Hoxe sae Agustín Hernández anunciando un convenio co Ministerio de Fomento para a construción dunha rotonda de dobre nivel no Milladoiro que derivará o tráfico cara o polígono de O Milladoiro e cara Rosalía de Castro”, cuestiona o alcaldable Miñones.

Os socialistas cren que está rotonda non vai solucionar o problema de tráfico intenso da Rúa Rosalía de Castro pero “o que menos esperabamos era que este anuncio o fixera o alcalde de Santiago, por iso lle preguntamos ao goberno popular por que o alcalde compostelá é o encargado de anunciar unha obra que se vai realizar en Ames?”.

No seu escrito os socialistas tamén piden un informe completo dos estudos técnicos previos levados a cabo e que determinan que esta obra vai arranxar os problemas do tráfico rodado neste punto. Asemade, solicitan que, de existir este estudo, se lles indique quen o encargou e en que data. Por outra parte, o grupo municipal socialista reclama unha copia do proxecto, o orzamento que ten previsto e o tempo de execución.

Os socialistas de Ames lle recordan a Agustín Hernández que “xa no ano 2012, cando era conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestuturas, prometera a ampliación da depuradora de Sisalde e aínda estamos esperando, de feito se fala de que non estará rematada ata o ano 2037, isto o único que nos confirma é o cumpridora que é a súa palabra”, sentencian os socialistas.