“Queremos recuperar os servizos sociais de calidade que durante oito anos o partido socialista levou a cabo no concello. Queremos un concello no que os verdadeiros protagonistas sexan as persoas e non as desputas de goberno”, explica José Miñones, candidato socialista á alcaldía de Ames.

O alcaldable socialista afirma que a prioridade do seu equipo é impulsar un Plan Social Municipal para “recuperar os servizos sociais de calidade que durante oito anos o partido socialista levou a cabo no concello”. Isto implica a recuperación da calidade dos programas dirixidos “aos nosos maiores” e que estaban centrados tanto nos ámbitos educativo e de lecer como no terapéutico co Programa Amessan.

Xunto con isto, os socialistas apostan por potenciar a participación das persoas con discapacidade no eido municipal, cultural, deportivo e de ocio, traballando conxuntamente coas asociacións e as ONG’s. Sinala Miñones que “nós garantiremos o transporte e a mobilidade das persoas con dependencia física e intelectual que o requiran, impulsando o transporte adaptado municipal”.

“Por outra banda, elaboraremos un Plan de Eliminación de Barreiras Arquitectónicas para facilitar o acceso aos edificios e vías públicas mellorando, deste xeito, a autonomía e a liberdade das persoas maiores e/ou con algún tipo de discapacidade”, sinala o candidato.

A conciliación da vida familiar e laboral unha necesidade

Os socialistas de Ames queren introducir “bonificacións progresivas no custe dos programas de conciliación familiar a partir do segundo fillo ou filla”. “Seguiremos ofrecendo e reforzando os programas de conciliación familiar, como os comedores e as actividades lúdicas e extraescolares, introducindo esas bonificacións progresivas no seu custe”, matiza Miñones.

“Tamén prestaremos especial atención ás persoas en situación de risco de exclusión social desenvolvendo programas de orientación e formación para os colectivos máis desfavorecidos, reforzando as prestacións sociais e as axudas de emerxencia destinadas a paliar as súas necesidades básicas e colaboraremos constantemente con institucións, ONG’s e voluntariado para conseguir un concello a favor da integración, a inclusión e a cohesión social”, engade o candidato socialista.

Un concello máis saudable e con mellores dotacións sanitarias

Critican os socialistas que durante este mandato popular se perdera a posibilidade de comezar o novo centro de saúde do Milladoiro e que non se conseguira a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns.

“Nós –asevera Miñones- esixiremos á Xunta de Galicia o desenvolvemento destes equipamentos básicos para o noso concello. Procuraremos a mellora do centro de saúde de Bertamiráns e traballaremos con afán na consecución do novo centro de saúde do Milladoiro, promovendo, tamén, unha consulta cidadá sobre a súa ubicación”.

Potenciar os hábitos e estilos de vida saudables, tanto para maiores como para os máis novos, son outras das grandes preocupacións socialistas. “Fomentaremos a actividade física, creando circuítos biosaudables para maiores e recuperando a calidade das escolas deportivas, que nestes últimos anos foron perdendo usuarios debido á súa precariedade”, di José Miñones.

Asemade, os socialistas traballarán na recuperación do Servizo de Prevención de Drogodependencias, desenvolvendo campañas informativas e de prevención tanto para escolares como para pais e nais.

A elaboración dun plan de prevención de enfermidades nutricionais e a realización de charlas informativas para fomentar a doazón de sangue son outras das propostas, a nivel de servizos sociais, que os socialistas de Ames inclúen no seu programa.