Defenderán dúas mocións: unha na que se pide un subsidio para desempregados e desempregadas de longa duración con cargas familiares, e outros colectivos desprotexidos; e, outra na que defenden a Lei de Dependencia

Durante o vindeiro pleno ordinario do mes de agosto o Grupo Socialista de Ames levará dúas mocións a debate e aprobación nas que defenden, por unha banda, a Lei de dependencia aprobada durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e se amosan contrarios aos recortes continuos que o goberno de Mariano Rajoy está a someter á mesma. E pola outra, pide o acordo plenario para solicítalle ao Goberno do estado un subsidio de 426 euros para as persoas con cargas familiares e que se atopan en situación de desemprego de longa duración e non teñen outros ingresos.

Os socialistas de Ames deixan claro que a súa prioridade fundamental é axudar ás persoas máis necesitadas, porque é de xustiza situarse ao seu lado e intentar que sufran o menos posible. “Nestes tempos de crise e de sufrimento de moitas familias o máis lóxico é que nos posicionemos do lado dos que reclaman a nosa axuda, e esa é a postura que defendemos e pola que traballamos no PSdeG”, di o portavoz socialista, José Miñones; “por iso acordamos presentar estas dúas mocións no pleno, porque somos conscientes de que en Ames hai persoas con dependencia que están a sufrir os recortes da Xunta e algunha incluso que ten recoñecida a súa dependencia e aínda non recibiu ningunha percepción” explica o portavoz, e continúa dicindo que “desgraciadamente vemos nos últimos tempos como son moitas as familias que acoden aos servizos municipais solicitando axuda porque carecen de ingresos porque hai membros en situación de desemprego de longa duración”.

Subsidio de 426 euros
Para o PSdeG de Ames son intolerables os recortes aos que os respectivos gobernos están a someter á cidadanía, amosando un menosprezo vergoñento, xa que a quen é necesario axudar e protexer é ás persoas e non ás institucións, tal e como está a acontecer. Explican os socialistas que durante este ano o Goberno de Rajoy, no que vai de ano, diminuíu as prestacións en 2.236 millóns de euros sobre o ano pasado; e a cobertura por desemprego apenas alcanza un 58 por cento das persoas desempregadas inscritas nas oficinas de emprego. Se se continúa coa mesma dinámica, ao final de ano o gasto en protección por desemprego será 6.000 millóns menos que en 2013, pero a pesar de que a cifra de persoas en desemprego de longa duración e de familias con todos os seus membros no paro continúa en niveis intolerables. “Como é posible que se aforre en proteccións dos desempregados e que estes continúen incrementándose?”, pregúntanse os socialistas. Por iso, propoñemos nunha das mocións a creación deste subsidio de desemprego a parados de longa duración con cargas familiares a cargo, a cal terá unha duración 6 meses prorrogables e unha contía do 80% do Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples Mensual (IPREM) vixente en cada momento, na actualidade 426 euros mensuais. Esta axuda tamén se estenderá a outros colectivos como son as mulleres que tivesen acreditado a condición de vítima de violencia de xénero, aquelas persoas que acrediten unha minusvalía en grao igual ou superior ao 33 por cento, ou teñan recoñecida unha incapacidade que supoña unha diminución na súa capacidade laboral da porcentaxe anteriormente indicada, e ás persoas paradas maiores de 45 anos, cando esgotasen a Renda Activa de Inserción ou se encontrasen dentro dos 365 días naturais anteriores á data da solicitude do dereito á admisión ao devandito Programa.

Nesta moción tamén se solicita a creación de Plans de Emprego específicos e o aumento da dotación dos Servizos Públicos de Emprego con novos técnicos e técnicas de emprego para a atención individualizada das persoas en desemprego de longa duración.

Rematar cos recortes na Lei de Dependencia
Polo que respecta á moción de defensa da Lei de “Promoción de la Autonomía Personal y Atención a las personas en situación de dependencia”, e coñecida como a Lei de Dependencia, os socialistas solicitan o apoio da corporación amiense para amosar o máis enérxico rexeitamento aos recortes que se están a producir nesta lei desde que o PP chegou ao goberno do Estado e da Xunta. A maiores, instan ao goberno da Xunta de Galicia para: que se establezan as partidas necesarias nos orzamentos do goberno de Feijóo dos vindeiros anos para que o gasto público por persoa dependente atendida sexa, polo menos, superior á media do Estado e se equipare coa das comunidades autónomas do norte con semellante distribución demográfica que Galicia. E que sexan atendidas todas as persoas dependentes que xa teñen recoñecido algún grao de dependencia, e que aínda están á espera de recibir a prestación ou o servizo que lles corresponde, e que en Galicia superan as 18.000

Tamén lle piden ao Goberno do Estado que impulse a constitución dun grupo de traballo con representantes dos grupos parlamentarios e comunidades autónomas, co obxectivo de alcanzar un amplo acordo para garantir a sostibilidade, o desenvolvemento e o financiamento por parte das administracións públicas do Sistema de Autonomía e atención á Dependencia.

Din os socialistas amienses que o goberno de Feijóo está a ser cómplice do goberno de Rajoy no desmantelamento do sistema de dependencia, que lonxe de tratar de frear o impacto destes recortes das persoas usuarias traballou para situar a Galicia entre as comunidades autónomas cun comportamento peor en todos os parámetros: A media do gasto público de persoa dependente atendida en Galicia é de 6.515 euros, fronte aos 6.979 euros de media do Estado; e moito por debaixo doutras comunidade autónomas do norte con semellante distribución demográfica que chegan 8.057 euros. O gasto en dependencia por habitante e ano é en Galicia de 91,92 euros; a metade que en Cantabria, por exemplo, e un 16 % menos que no conxunto do Estado en valores absolutos. E desde o ano 2011 non deixan de descender as persoas con dereitos a prestacións recoñecidas, se daquela estábamos en 89.640 persoas, o cómputo total de 2013 é de 56.835 persoas con dereito recoñecido das cales máis de 18.000 seguen no limbo, é dicir, sen recibir ningún tipo de prestación.