O acto contará coa presenza de Xoaquín Fernández Leiceaga, Profesor Titular de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela

Podo fraccionar o pago dos meus impostos? Isto levará consigo o pago de intereses moi altos? Por que debo pagar o catastro? Quen fixa o que se paga en cada imposto? A todas estas preguntas e máis queren dar resposta os socialistas de Ames durante a charla informativa sobre impostos e taxas que organizan este venres 10 de abril na Casa da Cultura de O Milladoiro a partir das 20:30 horas.

O acto contará coa inestimable presenza do Profesor Titular de Economía Aplicada na USC, Xoaquín Fernández Leiceaga e será presentado polo candidato socialista á alcaldía de Ames, José Miñones. Nesta charla falarase do imposto de bens inmobles (IBI), máis coñecido como “a contribución ou o catastro”, e outras taxas municipais obrigatorias como o imposto de actividades económicas (IAE) e o imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM), e outros impostos municipais de carácter potestativo como a taxa sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).
Miñones recoñece que “é necesario que os veciños e veciñas saiban por que se pagan estes impostos e a porcentaxe de liberdade que ten o Concello á hora de fixar cada taxa, e tamén, como se calculan estes impostos”.

Os socialistas de Ames están a poñer en práctica día a día a transparencia da que falan e que é un dos seus compromisos electorais coa cidadanía amesá. Un primeiro paso xa se deu coa a exposción pública da declaración de bens dos seus concelleiros e concelleiras. “Queremos que os veciños e veciñas saiban a que se destinan os impostos que pagan cada ano pero tamén é imprescindible que saiban que taxas e impostos dependen do Concello e como os podemos xestionar”, afirma o portavoz socialista e contiúa dicindo “nós presentamos unha serie de modificacións en varias ordenanzas para favorecer a creación de emprego e de emprendemento en Ames, pero o goberno popular non as tomou en conta. Cremos necesario que dende a Administración se facilite a creación de empresas”.

“Queremos un Concello transparente na súa xestión e na información que lle damos aos nosos veciños e veciñas”, sentencia Miñones.