Os Socialistas de Ames piden información sobre os cambios no IBI para o solo pendente de urbanizar

O pasado día 24 de setembro desde o Grupo Municipal Socialista presentamos un escrito relativo ao Imposto de Bens Inmobles, no cal, e a raíz da sentenza de data 30 de maio de 2014 do Tribunal Supremo se modificaba a cualificación do solo urbano das parcelas afectadas por un PXOM; e, a efectos catastrais do IBI pasa a ser chan rústico e a contribuír coma solo urbanizable, que esixe para o seu desenvolvemento un plan parcial ou programa de execución.

Nese escrito solicitabamos que se requirise á Ponencia do Catastro a aplicación de oficio dos índices correctores dos valores indebidamente cobrados aos afectados por esa sentencia; ademais, que os técnicos municipais realizaran un informe sobre a aplicación da STS 2159/2014 no exercicio económico 2014/2015, e que se solicitase a modificación dos relatorios catastrais nos terreos urbanos onde non se desenvolvesen os plans parciais ou programas de execución necesarios.

Posteriormente, e con data de 25 de setembro, e a raíz dunha moción de urxencia debatida no pleno ordinario dese día, a cal resulta aprobada pola maioría dos concelleiros e concelleiras presentes, e segundo a cal se acorda:

⎯ Instar á Dirección Xeral do Catastro a aplicar a sentenza do Tribunal Supremo e se revise a cualificación das parcelas que non teñen aprobado plan de desenvolvemento.

⎯ Instar ao Goberno do Estado a axilizar e avanzar na modificación do texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario que recolla novos criterios de clasificación do solo de natureza urbana e de valoración de solos urbanizables que non dispoñan dun plan de desenvolvemento, acordes coa sentenza do Tribunal Supremo, de xeito que harmonice a lexislación estatal en materia catastral e urbanística.

⎯ Proporcionar toda a documentación que solicite a Dirección Xeral do Catastro para facer esta revisión, de cara a que todas as parcelas paguen co valor acorde ao que se deriva desa sentenza.

Posteriormente, no pleno ordinario do 30 de outubro de 2014, se debateu unha moción que se acordou por unanimidade dos presentes e pola que se tomaron os seguintes acordos:

⎯ Instar á Dirección Xeral do Catastro ou aos organismos competentes a realizar o Procedemento de Valoración Colectiva de Carácter Xeral do concello de Ames.

⎯ Instar ás administracións, órganos e/ou entidades competentes a facer unha posta en común da documentación e poñer os medios axeitados para iniciar ese procedemento e realizar os distintos trámites incluído o de comunicación individualizada coa maior axilidade posibles.

⎯ Facultar ao Alcalde-Presidente do concello de Ames a realizar todas as accións que se consideren necesarias na tramitación desta moción.

Dado que este é un asunto de importancia, tal e como se reflicte da cantidade de iniciativas presentadas e porque afecta a un número importante de veciños e veciñas do noso municipio, o Goberno non debe de permanecer impasible ante este asunto e debe de actuar, e informar aos afectados e afectadas e aos membros da oposición, porque do contrario podemos chegar a pensar que as accións desenvolvidas son máis ben escasas. A realidade fixa que tres meses despois do último acordo plenario, e despois de transcorridos máis de catro meses do escrito presentado polo Grupo Socialista e no que solicitabamos unha serie de información -que aínda non se nos facilitou- carecemos de calquera tipo de comunicación por parte do Goberno municipal.

Tal e como se pode comprobar, desde o mes de outubro non se volveu a incidir neste importante asunto, nin volvemos a ter novas ou información sobre os acordos adoptados nos plenos ou a información solicitada no noso escrito do mes de setembro, e por todo iso é polo que,

SOLICITAMOS:

1. Que por parte do Goberno nos dea contestación e a información oportuna ao noso escrito de data 24 de setembro no que pediamos o seguinte:

⎯ Que os técnicos correspondentes realicen un informa sobre a aplicación da STS 2159/2014 de 30 de maio, no exercicio económico 2014/2015, efectos retroactivos, e no seu caso, posible devolución de ingresos indebidos.

⎯ Que segundo a citada sentenza, e para evitar maiores prexuízos aos propietarios dos terreos con plans parciais ou programas non desenvolvidos, se solicite a modificación dos relatorios catastrais.

⎯ Requirir á Ponencia do Catastro para que apliquen de oficio os relatorios catastrais, corrixindo os valores indebidos.

2. Coñecer as xestións realizadas por parte do concello de Ames diante da Dirección Xeral do Catastro ou outros organismos competentes para solucionar a manifesta discriminación que se está a cometer cuns propietarios e propietarias que deben de pagar un IBI que a todas luces e segundo a STS 2159/2014 é incorrecto.

3. Saber si se elaborou algún tipo de padrón municipal ou relación nominal elaborada polo concello de Ames na que se apareza o número total de propietarios e propietarias afectadas, e cantas persoas conforman esa relación.

4. Coñecer se existe algún tipo de actuación específica realizada polo concello de Ames para informar aos propietarios e propietarias afectadas das posibles solucións e accións desenvolvidas.

5. Información sobre se por parte do Goberno municipal de Ames existe algunha previsión de datas ou calendario previsto para ofrecerlle unha solución aos veciños e veciñas afectados e que levan pagando un IBI que non lles corresponde.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *