Poñen de manifesto “a rapidez coa que esqueceron no PP a humillación e a vergoña que lles fixeron pasar en toda Galicia aos que agora acollen cando un goberno con maioría absoluta rachou en dous”

Din que a unión de intereses entre ambas formacións vén dada porque non lle dan as contas de cara as próximas eleccións municipais

Para a dirección dos Socialistas de Ames o acontecido a pasada semana no PP local non foi ningunha sorpresa, xa que foi a confirmación do que era desde fai meses un segredo a voces, a integración de Pacto por Ames no Partido Popular. Pero, o que chama a atención foi o xeito no que se escenificou e, sobre todo os comentarios realizados polos dirixentes galegos do PP, en especial un que fixo o Secretario Xeral, Miguel Tellado, no que definía ao Goberno local como “desgoberno e fragmentado”, o socialista Blas García ante isto puxo de manifesto “a rapidez coa que esqueceron no PP a humillación e a vergoña que lles fixeron pasar en toda Galicia aos que agora acollen cando un goberno con maioría absoluta rachou en dous”, e continúa afirmando que “aquel si que foi un desgoberno que paralizou Ames por culpa das ambicións políticas e as traizóns”.

A entrada de Argibay e Pacto por Ames no PP non deixa de ser o remate a unha gran mentira e a un engano electoral no que as vítimas foron os e as amesás, e en especial aquelas que creron nas palabras do líder de PxA cando falaba de independencia do PP, de proxecto político propio, ou de que nunca pactaría nada cos Populares. “O tempo acaba poñendo a cada un no seu sitio, e Argibay pode saír gañador deste proceso de loita e poder no PP, pero sae derrotado diante da cidadanía porque se amosa como un político que mentiu e xogou coa boa vontade dos electores que creron na súa palabra”, di o Secretario Xeral socialista.

Continúan dicindo os Socialistas que entenden esta alianza de intereses na dereita de Ames, a cal só indica o alto grado de preocupación que teñen ante a boa labor política que está a desenvolver o Goberno municipal, e sobre todo porque as contas non lle dan, e por iso tiveron que sumar aos desertores de Pacto por Ames para intentar mellorar os resultados, e ver así a posibilidade de poder sacar da alcaldía a José Miñones, o alcalde que lle dou estabilidade a Ames e que abriu as portas e as fiestras do concello para que a cidadanía puidese participar e ser escoitada en liberdade.

RENUNCIA AOS DEREITOS COMO DOUS GRUPOS POLÍTICOS

Con este novo escenario municipal no que PP e PxA traballarán conxuntamente xa de maneira oficial, e non de tapadillo, como ata o de agora; é de esperar que renuncien aos privilexios que teñen ambos partidos como grupos municipais independentes: local do grupo, persoal administrativo, retribución como grupo municipal ou intervencións nos plenos, Comisións informativas, Xuntas de Portavoces, etc. e se queden cos que lle corresponden como único partido. “Imaxinamos que ambos partidos ao fusionarse presentarán un escrito no que renunciarán ás vantaxes que os dous teñen de xeito individual, e de non ser así por ética pedímoslle que o fagan canto antes”, asevera Blas García, porque, “de non facelo sería un fraude ao concello e ao resto de grupos municipais”.