O PSdeG de Ames solicita varios investimentos “necesarios” para o desenvolvemento do concello amesá

O secretario xeral amesán di que Ames “precisa da axuda autonómica para recuperar o tempo perdido, xa que durante anos o noso concello estivo esquecido polo Partido Popular”

Diante do proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2018 o PSdeG-PSOE de Ames decidiu presentar unha serie de emendas aos mesmos, xa que consideran que Ames necesita unha serie de investimentos importantes que non aparecen reflectidos nas contas autonómicas. O secretario xeral, Paco Villaverde, manifesta que o concello amesán “precisa da axuda autonómica para recuperar o tempo perdido, xa que durante anos o noso concello estivo esquecido polo Partido Popular”, por iso reclama obras tan necesarias como a “ampliación da depuradora de Sisalde ou a ampliación do centro de saúde do Milladoiro”.

Villaverde recoñece que “nestes orzamentos se ve unha importante aposta por parte da Xunta de Galicia ao incluír o Centro de Saúde do Milladoiro ou a partida destinada á elaboración do proxecto do novo CEIP do Milladoiro”, pero destaca o secretario xeral amesán que “é bo lembrar que este investimento en Ames vén dado polo traballo realizado polo actual Goberno municipal e a súa insistencia á hora de reclamar estas obras”

As emendas socialistas xa foron remitidas ao Grupo Socialista no Parlamento de Galicia para que procure incluílas dentro da proposta definitiva de orzamentos que sairá da cámara autonómica.

Proposta de Emendas aos Orzamentos Xunta de Galicia

Mellora e adaptación do centro de saúde de Bertamiráns.

O centro de saúde de Bertamiráns necesita unha actuación urxente, xa que nos últimos 25 anos non se realizou ningún tipo de obra de mellora. Este centro está desbordado, xa que atende a preto de 18.000 usuarios e usuarias e carece de elementos básicos e reiteradamente reclamados, tales como a modificación da zona administrativa ou a colocación dun ascensor. É necesaria a adaptación dos espazos para cubrir e atender a demanda que ten na actualidade. Este compromiso foi adquirido por Eloína Nuñez, xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, CHUS, na visita realizado ao Concello no pasado mes de Maio, polo que solicitamos a inclusión dunha partida orzamentaria que atenda as necesidades de mellora do centro.

Ampliación da depuradora de Sisalde
Esta ampliación foi prometida e anunciada no ano 2012 polo daquela conselleiro de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas, Agustín Hernández. Existe na actualidade un proxecto que xa contempla esa ampliación, pero que por motivos que descoñecemos está paralizado e dilatándose no tempo. Esiximos a dotación orzamentaria para a cometida desta urxente actuación. No ano 2001 estaba prevista 10.000 habitantes é a día de hoxe son 27.000.

Mellora da ETAP de Lens

Canalización e obras necesarias para poder levar a auga dende Lens ata Milladoiro e poder dar servizo ao núcleo máis poboado do concello, xa que na actualidade a nova ETAP deixou sen a instalación necesaria e non está a prestar o servizo a máis da metade do Concello.

Arranxo e mellora dos tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames
O concello de Ames crúzano dous tramos do Camiño de Santiago: o Camiño Portugués, que pasa polo Milladoiro; e o Camiño Real ou Camiño a Fisterra que pasa por varias parroquias amesás.

É necesario realizar actuacións de mellora, tanto do propio camiño como na sinalización do mesmo. E no caso concreto do Camiño a Fisterra é necesario realizar unha senda na parroquia de Trasmonte ata Ponte Maceira, xa que os peregrinos deben de realizar o seu camiño pola estrada, co perigo que iso lle ocasiona; e máis se temos en conta o incremento no número de peregrinos durante os últimos anos. Solicitamos a colaboración da Xunta na realización deste investimento de xeito cofinanciado.

Estrada Roxos–Portomouro
Solicitamos a adecuación do ancho e melloras de seguridade en varias das curvas desta estrada segundo o proxecto inicial do ano 2011.

Remate das beirarrúas na estrada Roxos-Portomouro no lugar de Piñeiro ata o límite con Val do Dubra.
Unha reclamación dos veciños e veciñas de Piñeiro, os cales, dada a proximidade de Portomouro realizan moita da súa actividade nesta poboación e polo cal se desprazan a pé ata a localidade. É necesario construír unha beirarrúa de uns 200 m. aproximadamente.

Pavillón Bertamiráns

Cofinanciamento para a posta en marcha dun novo pavillón que de cabida a elevada demanda da cidadanía amiense, que polas características poboacionais (media de idade 37,8 anos) require de instalacións acordes. Solicitude de inclusión dunha axuda de 300.000€