Os Socialistas de Ames renovan a súa Executiva Municipal

O concelleiro Blas García asume a Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE de Ames, substituíndo a Francisco Villaverde

A nova executiva municipal foi aprobada por unanimidade.

García: “Neste menos de ano e medio de Goberno que nos queda temos que reforzar e apoiar o traballo do goberno socialista de José Miñones, para apuntalar con garantías todo o acadado no que levamos de mandato”

Ames, 7 de febreiro de 2018. Esta tarde no pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os Socialistas de Ames renovaron a súa executiva municipal dentro do calendario fixado polo Partido Socialista a nivel federal e que culmina deste xeito todo o proceso orgánico iniciado co Congreso no que Pedro Sánchez resultou elixido Secretario Xeral.

Na asemblea amesá só se presentou unha única candidatura que encabezaba o concelleiro de Obras e Urbanismo de Ames, Blas García, como Secretario Xeral; e, da que tamén formaban parte o actual alcalde, José Miñones, como presidente; as concelleiras Isabel González Cancela, como Vicesecretaria xeral, e Luísa Feijóo, como responsable de Políticas Sociais e Igualdade. Destacar a incorporación de Elisa Suárez na área de Organización e Administración; Víctor Fernández, como responsable de Política Municipal; Xurxo Santiso, como responsable de Estudos, Programas e Medio Ambiente; Carlos Trías, de Educación e Economía; Rosa Fernández, de Sanidade; Francisco Lamas, de Innovación Susana Señorís, de Militancia; José Pazos, de Desenvolvemento Rural, Ofelia Mayo, de Mobilización; Rafa Castro, de Cultura e Asociacionismo; e, Francisco Villaverde, que continúa na dirección local como responsable de Relacións Institucionais.

O novo Secretario Xeral, Blas García, amosou a súa satisfacción pola elección e agradeceu aos e ás militantes presente o seu apoio a el e á nova dirección, xa que “isto non é algo individual, é un traballo de equipo no que a nós nos toca liderar, pero no que é necesaria a implicación e a participación de todas e todos”, dixo.

Agradecemento a Paco Villaverde
Durante a súa intervención o dirixente socialista trasladou o seu agradecemento a Paco Villaverde, do que destacou o traballo realizado durante os últimos cinco anos, onde colleu un Partido sen dirección e en crise, que acababa de perder o goberno local, e foi capaz, de levalo novamente á alcaldía de Ames; “o socialismo amesá deberá estarlle agradecido eternamente a Paco Villaverde”, afirmou Blas García.

A maiores o recén elixido Secretario Xeral manifestou a súa intención de “cambiar as dinámicas de traballo” e considera básico e necesario que o Partido Socialista en Ames teña actividade e presenza máis aló do Goberno municipal. “É imprescindible recuperar a presenza e o traballo coa militancia, por unha banda, e coa cidadanía pola outra; para o que debemos de implicala e darlle participación”, incidiu García Piñeiro.

Eleccións municipais

Destacou tamén a necesidade de comezar a planificar o traballo de cara ás eleccións municipais do vindeiro ano, nas que hai que mellorar os resultados e loitar por ser a primeira forza municipal, para “consolidar o traballo feito durante este mandato e reforzar a alcaldía de José Miñones”. “Neste menos de ano e medio de Goberno que nos queda temos que reforzar e apoiar o traballo do goberno socialista de José Miñones, para apuntalar con garantías todo o acadado no que levamos de mandato, e iso depende do esforzo e a participación de todas e todos. É o momento de estar na rúa explicando e defendendo todo o traballo feito e os logros acadados, que son moitos”, concluíu Blas García

Comité Provincial e Nacional

Na mesma asemblea tamén se elixiron os representantes dos Socialistas amesás no Comité Provincial e no Comité Nacional. Para o órgano provincial resultaron elixidos Elisa Suárez, Carlos Trías e Rosa Fernández; mentras que para o máximo órgano do PSdeG elixiron a Blas García e Isabel González Cancela, onde José Miñones xa é membro nato por ser membro da Executiva Nacional que dirixe Gonzalo Caballero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *