Para os Socialistas é inxusto o que o Goberno está a facer cos veciños da Urbanización máis grande do Concello.

O Grupo municipal Socialista ven de pedir mediante un escrito asinado polo seu voceiro Jose Miñones, a actuación inminente na Urbanización máis grande do Concello de Ames e situada a poucos metros do núcleo de Bertamiráns. Para o voceiro Socialista “é sorprendente a actitude que este Goberno está a ter cos veciños desta Urbanización, esquecidos e denostados por parte das diferentes Concellerías implicadas”. Dende o principio do Goberno do PP amiense a oposición ven solicitando unha actuación máis asidua na limpeza e mantemento dos parques e rúas da Urbanización a través de rogos en diferentes plenos da Corporación. O voceiro Socialista, Jose Miñones, solicitou ao Concelleiro de obras, parques e xardíns, en numerosas ocasións unha limpeza das papeleiras do parque municipal máis grande do Concello e situado na parte alta da Urbanización. Tamén se solicitou en varias ocasións limpeza da pista de pádel e corte das herbas que inundan os diferentes parques. A receptividade por parte da Concellería e, do Concelleiro en particular, foi sempre bastante ambigua e indiferente, tendo que recordarlle en plenos consecutivos a obriga dos seus deberes.

A Urbanización de maior tamaño
A situación nos últimos meses é crítica e desbordante e paralela á parálise global do Concello. A Urbanización na que viven preto de 1200 veciños e veciñas, con 308 vivendas é a máis grande do Concello e conta cun gran parque na parte alta con campo de fútbol e pista de pádel municipal, ademais de dous parques infantís e numerosas rúas municipais entre as vivendas. Nesta Urbanización tamén se sitúa o Centro Ocupacional construído cos fondos do plan E na lexislatura anterior, e un Centro de usos múltiples que alberga o roupeiro municipal ou a Escola de música entre outros.

O desleixo por parte deste Goberno afecta directamente ao mantemento das zonas verdes e a falta de xestión do Alcalde. Son moitas as necesidades que existen neste momento en diferentes zonas da Urbanización. As herbas descontroladas acumúlanse na cuneta dos camiños que non se limpan dende a chegada do PP ao Goberno, provocando charcas con mal olor e embarradas ao redor dos mesmos e que a auga da choiva desborde polas estradas municipais. As papeleiras énchense de lixo sen que se faga unha visita asidua para a súa limpeza por parte do Concello, a pesares de pedirse en pleno un calendario de visita á urbanización por parte da brigada de limpeza.

Cicloxénese
Un claro exemplo foi o acontecido o pasado 23 de Decembro, data da cicloxénese que pasou polo noso Concello e que deixou un balance negativo tamén nesta Urbanización con ata 5 árbores de pequeno e gran tamaño caídos, ao igual que diferentes bancos de madeira (nun estado deficiente) e varias farois estropeadas. Un mes e medio despois todo segue a estar no mesmo estado ruinoso sen que o Goberno fixera absolutamente nada.

Instalacións
As instalacións deportivas non se salvan do desleixo do Goberno e o Campo de fútbol 7 se atopa falto de actuación algunha, cheo de herbas e sen rastro da terra que o cubría, cun dos focos do sistema de alumeado roto dende hai 1 ano e a pista de pádel leva coa rede nun estado ruinoso, con pintadas e sen cartel identificativo máis de sete meses, o cal se atopa a escasos metros na valla dunha das vivendas particulares, “non se pode ser máis pasota”, asegura Miñones.

No tocante as rúas da Urbanización, estas están cheas de herbas e follas que taponan algunhas das rúas que unen internamente a urbanización, “ninguén se dignou a darse unha volta pola urbanización para ver o lamentable estado destas rúas”. Os parques infantís de recente construción e rehabilitación no ano 2007 tamén sofren a cegueira do PP con herbas e faltos de terra ou mantemento algún.

Actuacións en case 3 anos

A única actuación que fixo o Goberno do PP dende a súa chegada á Alcaldía foi habilitar unha zona de depósitos vexetais imposibilitando o seu depósito nos contedores de lixo durante os meses invernais mediante carteis que anunciaban a multa correspondente, como sempre pola vía impositiva. Os Socialistas creemos que para a decisión desta medida o Goberno debería terse posto en contacto e dialogando directamente coa xunta directiva da Urbanización e a veciñanza, tanto para a posta en marcha desta medida como para dar información puntual aos veciños. Non estamos de acordo coas formas coas que se levou a cabo esta actuación, a pesares de que tal medida non nos pareceu mala de inicio. A experiencia non foi positiva, xa que a acumulación dos restos vexetais se centrou nunha zona moi próxima ás vivendas e ademais sen o control necesario para a súa recollida, sen previsión nin calendario e deixandoo á improvisación, como ven sendo habitual neste Goberno. Nun pleno do ano pasado o voceiro Socialista, Miñones, xa pediu a retirada da cantidade indixente de restos que había acumulados e que daban unha imaxe penosa, ademais de ser pouco saudables cos días de calor que se vivían. Sabemos de boca dos veciños que existe un malestar ao respecto e que hai un escrito de protesta presentado por rexistro, asunto polo que nos interesamos e solicitamos o desprazamento deste lugar a unha zona máis afastada das vivendas, así como a adecuación da zona para o seu depósito. Nese mesmo escrito pediamos a recuperación dos carteis que desapareceron na súa meirande parte nas zonas de depósito de lixo. O Goberno non quere escoitarnos nin a nos nin aos veciños e decidiu tirar para adiante sen dar o brazo a torcer e negando o desprazamento da zona de deposito. A consecuencia foi un novo vertedoiro nun parque municipal e un deterioro intransitable do contorno, xa que os veciños cansados da espera xa depositan os restos nunha nova zona máis afastada sen que se recolla por parte do Concello.

Falta de xestión
Finalmente, a inoperancia ou incapacidade do Alcalde provoca que o Centro de usos múltiples no que se atopa o roupeiro ou a escola de música e de propiedade da promotora Ruafer, conte dende hai máis de dous anos sen cesión oficial ao Concello. Na lexislatura anterior, gracias aos contactos coa empresa e o anterior Alcalde, logrouse a cesión desta instalación para o Concello. Esta cesión esta rematada polo que a día de hoxe o Concello non ten cedido este centro para o seu uso, a pesares de que na practica si que se fai. Dende o mes seguinte á entrada do goberno do PP os Socialistas estamos a pedir documentación e actuación por parte do Alcalde en referencia a este asunto sen que o mesmo nos de resposta algunha, botando balóns fora e dicindo que están falando coa construtora, disto xa fai ano e medio e “creemos que o Alcalde non é capaz nin de atopar unha solución a este asunto, rendéndose e deixandoo pasar” conclúe Miñones.

Estancamento no progreso
É evidente que nos case que tres anos do Goberno do PP, e do seu Alcalde en particular, a Urbanización sufriu un estancamento total e deu varios pasos atrás, ao igual que o Concello. Mentres que nos anos de Goberno de progreso se construíu unha pista de pádel, un campo de fútbol sete, se fixo o peche do campo de fútbol, a rehabilitación e construción de dous parques infantís, a contratación do alumeado dos mesmos, un centro ocupacional, a cesión do centro de usos múltiples, a instalación de bocas de rego contra os incendios e se incluíu á urbanización ao servizo de limpeza diaria con limpeza das rúas cun camión especial, a construción de illas subterráneas de lixo, etc.. o Goberno do PP solo conta coa instalación de herba na pista de pádel, froito dunha subvención cursada polo goberno anterior, e a construción dun aparcamento para o centro ocupacional, como solicitude aceptada dos Socialistas no POS de 2012. As comparativas son odiosas pero os feitos falan por si mesmos.

Por todo o exposto pedimos que o Goberno se poña mans á obra e se poña a traballar en cada un destes asuntos. Solicitamos a limpeza das cunetas da estrada e do parque de forma asidua, o arranxo das farois, do alumeado do campo de fútbol, do cartel e rede da pista de pádel, dos bancos tirados e nun estado ruinoso do parque, das papeleiras queimadas, o borrado das pintadas da pista de pádel, a limpeza semanal de ditas papeleiras do parque, o cortado da herba que inunda a estrada, o arranxo dos parques infantís, o cortado das malas herbas que inundan as rúas, unha solución da cesión do centro de usos múltiples, a recuperación dos árbores caídos e o desprazamento da zona de residuos vexetais lonxe das vivendas, así como a adecuación da zona para os coches. Finalmente solicitamos un mantemento mensual da Urbanización sen que teña que ser a base de demanda da oposición.

Esperamos que esta denuncia xurda efecto no Goberno como en moitos casos anteriores nos que xa conseguimos a súa reacción, e non se deixe desamparados a preto de 1200 veciños de Ames.


Ver fotos