bus

O portavoz socialista, José Miñones, especificou que “é necesario arranxar os déficits que o servizo de Mobilidade ten nos concellos que conforman este plan”.

Os socialistas solicitan que dende a Xunta se mellore este servizo, “sumamente deficitario nestes momentos”, cunha adecuada colocación das marquesiñas, ampliando o horario e a frecuencia dos viaxes e arranxando as condicións de mantemento dos autobuses, xa que moitos deles teñen goteiras no inverno e no verán a calor faise insoportable por non dispoñer de aire acondicionado.

Os socialistas de Ames critican con dureza a ampliación do transporte metropolitano a outros concellos, como pretende facer a Xunta, mentres non se arranxe a precariedade deste servizo nos concellos que, a día de hoxe, integran o plan de transporte metropolitano de Compostela. Desta maneira, únense ás críticas vertidas por outros concellos como Brión, Oroso ou Teo.

O portavoz socialista sinala que “antes de ampliar ningún tipo de servizo, primeiro habería que ofrecer en condicións óptimas e adecuadas o que xa existe. “Nós non nos opoñemos a esta ampliación, aínda que, por unha banda, sería interesante delimitar que concellos limitan con Santiago e cales non, e, por outra, habería que mellorar o deficitario servizo que se está a dar nestes momentos”, engade Miñones.

Os socialistas de Ames xa levan tempo defendendo a mellora do transporte metropolitano. Neste sentido, cren que é momento de “retomar as frecuencias de autobuses que a Xunta eliminou, xa que de ampliar o servizo se fala”, ademáis, habería que facer un “mantemento exhaustivo” dos autobuses, porque moitos deles están en malas condicións, xa que “no inverno teñen goteiras” e no “verán son auténticos fornos” ao carecer de aire acondicionado.

José Miñones, candidato en Ames, salienta “a necesidade de levar un control real dos pasaxeiros que utilizan este servizo para que se solucione o desfase de viaxeiros que Mobilidade lle asigna a cada concello, xa que moitos concellos están a pagar máis do que lle corresponde”. Engade o candidato “que tamén habería que reforzar o número de marquesiñas”, e remata dicindo que “non podemos apoiar a ampliación de liñas cando en Ames temos un servizo deficitario, sobre todo, se esas novas liñas van funcionar tan mal como as actuais”.