Os socialistas piden no Parlamento de Galicia, por segundo ano consecutivo, a construción dun centro de saúde no Milladoiro

O PSdeG, a través do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, presentou emendas aos presupostos da Xunta do 2015 para que se inclúan obras que consideran urxentes para Ames

Un ano máis a Xunta de Galicia ningunea ao Concello de Ames. Se nos presupostos do ano pasado a partida destinada ao noso Concello apenas era de dous millóns de €, cantidade irrisoria para un municipio de máis de 30.000 habitantes, este ano lucíronse ao incluir nos presupostos para o 2015 un total de 0 €. “Pensabamos que non se podía estar máis cego ante as necesidades que os veciños e veciñas de Ames teñen, pero unha vez máis a realidade supera a ficción”, afirmou o portavoz socialista, José Miñones.

O Partido Socialista de Ames, que xa lle tendeu unha man ao goberno amesán, vén de presentar as emendas para estes presupostos que, novamente, esquecen as necesidades máis urxentes en materia de infraestruturas que ten o concello como poden ser o arranxo do Centro de Saúde do Milladoiro, e a mellora e adaptación do de Bertamiráns, que atende a preto de 18.000 usuarios e usuarias e no que non se fixo ningunha actuación nos últimos 25 anos. Tamén, a imperiosa construción dun novo Centro de Saúde no Milladoiro, capaz de solventar as carencias que na actualidade están a sufrir os seus usuarios. Estas obras foron aprobadas no pleno do pasado mes do outubro coa abstención do grupo popular, certificando por enésima vez a característica maneira que o alcalde, Santiago Amor, e os seus concelleiros teñen de velar pola prosperidade de Ames e o benestar dos seus veciños e veciñas.

Engadir que para a construción do Centro de Saúde do Milladoiro contábase cunha partida de 2.776.085,29€ en contas anteriores, nunca executada pola Xunta, e que foi retirada este mesmo ano 2014.

O Concello esmorece a pasos axigantados e o alcalde é cómplice
Durante as próximas semanas debatiranse estes orzamentos no Parlamento de Galicia, e “os socialistas de Ames esperamos que o goberno que dirixe Núñez Feijóo amose algunha sensibilidade cara o concello que máis medrou poboacionalmente nos últimos anos e que posúe unhas necesidades estruturais importantes ás que a Xunta de Galicia e o Partido Popular lles están a dar as costas coa complicidade e o silencio do goberno de Santiago Amor”, declara José Miñones, o portavoz municipal do PSdeG-PSOE.

A escasa inversión en Ames provoca un empobrecemento paulatino do Concello e un retroceso no cumprimento dos servizos públicos
Ames é un Concello que nestes momentos, debido ao impulso e ao crecemento poboacional que sufriu nos últimos anos, necesita unha serie de dotacións para que se fixe a poboación e non sufra un frenazo no seu progreso. Os socialistas teñen máis que constatado que dende a chegada do Partido Popular ao goberno de Ames o municipio sufríu un importante retroceso, tanto nas políticas sociais como na construción e dotación de novas infraestruturas. “Non se pode vivir de cara á galería, sacar a foto na carreira pedestre e esquecer que chove no centro de Saúde do Milladoiro, nas Escolas Infantís, na Casa da Cultura de Bertamiráns, e un grande etcétera de estragos aos que este goberno non da resposta”, reitera José Miñones.

Segundo o portavoz socialista, o seu partido ten a obriga e a responsabilidade de reclamar á Xunta de Galicia “o que cremos que é xusto para os amesáns, os impostos que pagamos non se ven despois reflectidos nos servizos que recibimos. Por iso é o noso deber facer alegacións a estes presupostos que nos deixan á deriva”.

Outras obras necesarias
A estas obras que vimos de propoñer que se inclúan nos próximos orzamentos, e xa aprobados en pleno, habería que sumar moitas outras que tamén son fundamentais, como a ampliación da Depuradora de Sisalde, unha ampliación prometida e anunciada no 2012 polo entón conselleiro de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas, Agustín Hernández, e que a día de hoxe segue paralizada.

Tamén o arranxo e peche dos polideportivos e pistas dos colexios e IES de Ames, unha demanda que están a facer todas as Anpas.

O amaño e mellora dos tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames, tanto o do Camiño Portugués que pasa polo Milladoiro como o Camiño Real ou Camiño a Fisterra, que percorre varias parroquias do municipio. Neste caso concreto, é preciso realizar unha senda dende a parroquia de Trasmonte ata Ponte Maceira, xa que os peregrinos fan o camiño pola estrada, co perigo que iso conleva.

É necesario o remate das beirarrúas na estrada de Roxos-Portomouro no lugar de Piñeiro ata o límite con Val do Dubra. Son moitos os veciños desta parroquia de Piñeiro que diariamente se trasladan a pé ata este concello limítrofe, por iso é importante contruír unha beirarrúa duns 200 metros, aproximadamente.

Outra obra obrigada é a correcta canalización da Autovía Santiago-Brión ao seu paso por Covas, xa que está a ocasionar importantes inundacións na estrada que vai de Bertamiráns a Covas, concretamente debaixo do viaduto, o que o converte nun tramo intransitable e moi perigoso cando chove con forza. Son numerosos os accidentes que están a ocorrer neste punto.

Mellora da pista forestal que vai de Mercuto a Carracedo, na parroquia de Ameixenda. Esta pista forestal de 1,5 quilómetros necesita unha actuación de mellora do firme con zahorra e o arranxo da canalización das augas pluviais, xa que, debido á pendente e a que está no monte as riadas fan que vaia deteriorando o firme de zahorra e pedra xa existente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *