Os socialistas piden unha conexión a internet de calidade en todo o municipio

Foto de www.concellodeames.org
Lembran que segundo o Plan de Banda Larga da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (ATEMGA) a cobertura no ano 2013 era do 95,35% da poboación amesá, dato co que non están de acordo

Levarán varias iniciativas ao Parlamento de Galicia solicitando coñecer cal é a cobertura real do concello de Ames, a velocidade tanto de subida como de baixada da banda larga e as perspectivas de mellora desta rede

Os socialistas de Ames volven reclamar unha mellor conexión a internet no concello de Ames, e anuncian unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia encamiñadas a que se mellore a cobertura especialmente nas parroquias e lugares máis apartados das urbes de Ames. Lembran os Socialistas que segundo o Plan de Banda Larga da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (ATEMGA) a cobertura no noso municipio a finais do ano 2013 era do 95,35% da poboación amesá, “dato que non é real e doadamente comprobable se das unha volta por moitos dos lugares do concello de Ames”, di o candidato e portavoz socialista, José Miñones.

Anuncia Miñones que “nos próximos días presentaremos a través do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei e diversas preguntas mediante as cales solicitaremos coñecer cal é a cobertura real do concello de Ames, a velocidade tanto de subida como de baixada da banda larga e as perspectivas de mellora desta rede”, e continúa afirmando que “en pleno século XXI carezas dunha conexión a internet, xa non de calidade, senón incluso da posibilidade de poder conectarte”.

Proposta Socialista
Nas habituais visitas que fan os membros dos Socialistas de Ames ás parroquias atópanse cunha queixa habitual que é a mala calidade da conexión a internet, e ata a carencia da mesma nalgúns sitios, polo que para o Partido Socialista é fundamental que exista unha rede de calidade que facilite o acceso dos veciños e veciñas a internet, e por iso, entre as súas propostas levan a existencia dunha cobertura e conexión a internet en todo o municipio nunhas condicións de accesibilidade razoables e que polo menos se atopen entre os 2 e os 10 megas, e indican que lle corresponde á ATEMGA e á Xunta de Galicia, conxuntamente coas operadoras realizar os investimentos necesarios para dotar de internet a todos os núcleos do concello e á totalidade da poboación.

Así mesmo, inciden os socialistas en poñer en funcionamento o antigo proxecto no que traballaran e que este goberno mantivo esquecido, e que consistía en dotar de internet aos locais sociais do rural para facilitar aos veciños e veciñas o acceso á administración electrónica que o goberno socialista instaurou no 2010. Este proxecto tiña por obxectivo achegar ao rural á sociedade da información ofrecendo as ferramentas necesarias para introducir de maneira correcta e fácil as novas tecnoloxías. Di Miñones que “a nosa competitividade pasa por ese acceso a internet e nese paso adiante cara unha sociedade máis formada e informada é imprescindible que as novas tecnoloxías estean ao alcance de todos, tamén das persoas que viven no rural”, e continúa dicindo que “queremos converter os locais sociais nos centros de comunicación das parroquias e darlles un uso e un servizo que resulte operativo para todos os veciños e veciñas, e que desde alí poidan, ademais de recibir formación e información, realizar consultas e xestións básicas como pedir cita no médico ou pagar os impostos municipais e outras xestións”

Por outra banda, lembran os socialistas de Ames que dende a Xunta, co impulso da Unión Europea, se puxo en marcha un pretensioso proxecto para evitar estes desequilibrios entre o rural e o urbano, favorecendo o acceso á banda ancha pero parece “que o noso alcalde non se deu por enterado e, unha vez máis, o concello amesá perdeu o tren do crecemento tecnolóxico”.

Recuperar o proxecto da Modernización da Administración Local
Durante o último mandato socialista en Ames, unha das prioridades da Concellaría de Reforma Administrativa e Calidade Administrativa, da que, durante ano e medio, foi concelleiro o actual candidato socialista á alcaldía amesá, José Miñones, foi a implantación da Administración electrónica.

Na súa etapa como concelleiro, Miñones puxo en marcha a Oficina Virtual Tributaria (OVT), a través da cal os veciños e veciñas que quixeran poderían pagar os tributos xestionados pola Administración Local de maneira segura, ademáis de acceder a determinados servizos que facilitarían o cumprimento das súas obrigas fiscais. Lembra o candidato do PSdeG, que “non só é necesario volver a recuperar todo o realizado en Administración electrónica municipal, senón que hai que melloralo e adaptalo aos novos tempos, porque, desgraciadamente, durante estes catro anos o goberno do PP non fixo absolutamente nada”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *