José Miñones: “A actitude do Goberno, e especialmente da concelleira Eugenia Martín, só pon de manifesto cales son as súas prioridades, e estas non pasan por defender aos usuarios e usuarias, senón por preservar e protexer á empresa”

Os Socialistas denuncian que cerca de 200 usuarios e usuarias causaron baixa durante estes cinco meses nas Escolas Deportivas Municipais

O Grupo Municipal Socialista di que cinco meses despois do comenzo das Escolas Deportivas Municipais comezan a ter acceso á información que se estivo ocultando deliberadamente por parte da concelleira-delegada de Deportes, Eugenia Martín, coa complacencia do alcalde, Santiago Amor. Na comisión celebrada no día de onte e grazas á solicitude realizada polos socialistas, asistiu o Coordinador da empresa Eulen, concesionario do servizo. E durante esta comparecencia se evidenciaron as numerosas irregularidades que se están a producir dende o inicio da actividade e denunciadas reiteradamente por parte do PSdeG-PSOE.

Os Socialistas de Ames afirman con rotundidade que a empresa Eulen, que resultou adxudicataria do servizo das Escolas Deportivas Municipais, incumpriu de maneira clara e flagrante o prego de licitación, tal e como recoñeceu o responsable da empresa que acudiu á Comisión para estudar e analizar o funcionamento do citado servizo. Segundo informou e recoñeceu a persoa que desenvolveu desde o seu inicio, e segue a desenvolver as tarefas de coordinación das Escolas Deportivas non posúe a titulación necesaria e especificada de maneira clara no prego, que é a de ser Licenciado en Ciencias do Deporte e Educación Física (INEF). E desde o mes de xaneiro e, seguramente, debido ás reiteradas denuncias do Grupo Municipal Socialista, decidiuse nomear a un segundo Coordinador coa titulación necesaria, para intentar camuflar o incumprimento.

Complicidade da concelleira
Pero o realmente grave de toda esta situación é a complicidade e a connivencia do equipo de goberno do PP, e especialmente da concelleira-delegada da área, Eugenia Martín; a cal, na citada comisión intentaba defender e confundir aos presentes mentindo sobre quen era a persoa sobre a que recaían as labores de coordinación das Escolas Deportivas, feito quer se pode comprobar de maneira clara con só revisar as nóminas nas que se reflicte que é a persoa que non posúe a titulación a que cobra os pluses por tal motivo; por outra banda, tal e como tivo que recoñecer o representante da empresa Eulen.

Para os Socialistas “a actitude do goberno, e especialmente da concelleira Eugenia Martín, só pon de manifesto cales son as súas prioridades, e estas non pasan por defender aos usuarios e usuarias, senón por preservar e protexer á empresa”, afirma o portavoz socialista, José Miñones, con rotundidade. O que leva a preguntarse, segundo o portavoz: “Porque ten tanto interese en posicionarse do lado de Eulen? Porque fai a vista gorda a concelleira e o alcalde con todas estas irregularidades? Porque non lle esixen á empresa que cumpra cos pregos?”

Demostrouse o mal funcionamento
Por outra banda, os socialistas aclaran que a comparecencia serviu tamén para que se demostrase o que era un clamor: o mal funcionamento das Escolas, con numerosas incidencias e queixas dos usuarios e usuarias ante a falta de material, de monitores/as, dos atrasos ou substitucións continuas dos monitores por parte da empresa, e a escasa formación ou titulación de moitos deles. A formación e as titulacións púidose comprobar ao revisar os diferentes currículos aportados, onde queda sobradamente demostrado que algúns/has dos/as monitores/as que imparten clases de actividades moi técnicas (patinaxe, ballet ou tenis, por exemplo) non teñen ningún tipo de especialidade, nen experiencia nas materias que están impartindo.

Cerca de 200 baixas de usuarios
Un exemplo claro e notorio do mal funcionamento do servizo é a baixa cerca de 200 usuarios e usuarias das Escolas Deportivas, o que pon de manifesto a calidade do servizo. Para José Miñones: “Este elevadísimo número de baixas debería de ser a verdadeira preocupación do goberno do PP, xa que é unha cifra escandalosa e demostra ben ás claras o que está a suceder”.

Situación dos e das traballadoras

José Miñones preocupouse, ademais, durante a xuntanza pola situación dos traballadores e traballadoras, e denunciou a discriminación salarial que existe entre varios dos traballadores e traballadoras da empresa, xa que, tal e como se pode comprobar nas nóminas, existen diferentes pagos rexistrados que non teñen unha xustificación adecuada pola empresa. “E o goberno amiense consinte e permite esta discriminación da que é coñecedor”, di o portavoz socialista.

Minten co presunto aforro
Pero o máis grave é que o goberno do PP co seu alcalde á cabeza segue a mentir e a enganarnos cando se amparan nun presunto aforro ao comparar os custes desta empresa adxudicataria e cos da anterior; posto que é unha comparación irreal e interesada para beneficiar a Eulen e ademais para intentar escusarse. Hai que ter en conta que a anterior adxudicación realizouse fai catro anos e que as condicións eran outras moi distintas, o que debe de comparar este goberno é o servizo ofrecido e a oferta realizada pola anterior empresa e o que ofreceu a actual, e a iso debe de sumarlle tamén a experiencia de ambas empresas no sector en cuestión, xa que tal e como recoñeceu o representante de Eulen, carece de experiencia na organización e realización de Escolas Deportivas. A isto habería que sumarlle o material que tivo que mercar o goberno. En resumen, Miñones di que como é habitual “este goberno está enganando non só á oposición, senón a toda a cidadanía de Ames, e iso supón unha falta de respecto e unha inmoralidade para un goberno que de maneira sospeitosa prefire defender os intereses dunha empresa antes que o dos amienses”, conclúe Miñones.