Aseguran os Socialistas que Ames segue a ser castigado tanto polo Goberno da Xunta como polo do Estado.

“Novamente nos atopamos cun orzamento de cero euros para o noso Concello”, salienta o Secretario Xeral dos socialistas de Ames, Paco Villaverde.

O PSdeG-PSOE de Ames presenta unha emenda para que os orzamentos do Estado inclúan unha partida orzamentaria para facer un estudo de viabilidade dun desvío para eliminar o denso tráfico rodado ao que está sometida a rúa Rosalía de Castro no núcleo do Milladoiro.

Segundo os socialistas, os orzamentos do Estado que se debaterán os vindeiros días 25 e 26 de agosto inclúen varias obras dentro da provincia de A Coruña, pero o estudo para o Milladoiro, que se está a pedir dende o ano 1996, non se contempla. “Novamente nos atopamos cun orzamento de cero euros para o noso Concello. Unha vez máis, os gobernos do PP, tanto da Xunta como do Estado, consideran que Ames, un concello de máis de 30.000 habitantes, non merece o seu recoñecemento nin a súa atención”, salienta Paco Villaverde, Secretario Xeral do partido socialista en Ames. Engade Villaverde que “dende hai case 20 anos se está a pedir ás institucións do Estado unha solución para a estrada que cruza o Milladoiro, a N-550, de competencia estatal, e só atopamos a calada por resposta, mentres os problemas viarios medran cada día neste centro urbano”.

Un ano máis os socialistas de Ames vense na obriga de presentar ao seu grupo parlamentario una emenda para que se inclúa, “dunha vez por todas”, unha partida que busque solucionar os graves problemas de seguridade viaria, sociais e ata económicos para os veciños e veciñas do Milladoiro, “veciños e veciñas que viven separados por unha rúa que divide este importante núcleo de poboación amesán, partindo a cidade en dúas metades”, matiza Villaverde.