Estas dezaseis propostas de actuación serán consensuadas co resto de partidos políticos nas vindeiras xuntanzas que se celebren

Os Socialistas de Ames veñen de elaborar unha serie de medidas que consideran “de cumprimento inmediato” no caso de chegar á alcaldía. Estas medidas, puntualizan que non son pechadas, e que é un documento aberto que poñerán enriba da mesa nas vindeiras xuntanzas que manteñan co resto de partidos políticos con representación municipal. “Non podemos caer na improvisación, e os vindeiros meses son cruciais para os veciños e as veciñas de Ames”, di o alcaldable socialista, José Miñones; para, continuar manifestando que “queremos consensuar as primeiras medidas que ten que desenvolver o próximo goberno de Ames no caso de acadar a alcaldía”.

Os socialistas, que seguen mantendo firme a súa candidatura á alcaldía de Ames, e din que eles prefiren traballar en accións de goberno concretas e actuacións necesarias para desenvolver nos primeiros meses, e que a cidadanía respire canto antes o novo aire do goberno. Desde o PSdeG informan que esta semana comezará a segunda rolda de contacto cos partidos políticos, e xa é o momento de iniciar un traballo serio, porque “os veciños e as veciñas de Ames están esperando de nós que sexamos responsables e actuemos con rapidez sobre aqueles asuntos que máis urxencia teñen”, di Miñones; e, continua a súa explicación facendo “un chamamento ao compromiso coa cidadanía de todas as forzas políticas para actuar con madurez, porque iso é o que esperan de nós os e as amesás”.

Estas medidas que presentarán nas vindeiras xuntanzas abarcan un amplo abano de aspectos, que van desde a transparencia, a participación ou as primeiras xuntanzas institucionais, ata temas máis concretos como poden ser a apertura do cemiterio, o ciclo integral da auga ou a situación económica do concello. Explica Miñones que “estas medidas iniciais están en consonancia co noso programa electoral e entendemos que a nova política da que tanto se fala hai que facela con feitos concretos e non pode quedar só en palabras lanzadas ao aire”.

MEDIDAS DE ACTUACIÓN PROPOSTAS POLO PSdeG-PSOE DE AMES

1. Elaborar uns orzamentos, nos que se reflicta a participación dos veciños e veciñas.

2. Analizar a situación económica do concello e renegociar a débeda, en especial o crédito ligado ao Plan de Axuste.

3. Solicitar xuntanzas de traballo de carácter urxente con:

⎯ Presidente da Xunta de Galicia, para corrixir a discriminación co concello de Ames nos orzamentos do 2015.

⎯ Conselleira de sanidade, para buscar unha solución para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro.

⎯ Conselleiro de Educación, para que se subsanen as deficiencias de material existentes no IES de Milladoiro, e os problemas de seguridade no IES Plurilingüe de Ames e o CEIP de A Maía.

4. Elaborar e aprobar un Regulamento de Organización e Funcionamento Municipal, no que se lle dea participación aos veciños e veciñas.

5. Elaborar e aprobar un Regulamento de Participación Cidadá e poñer en funcionamento o portal de Transparencia para facilitar unha total información sobre o goberno municipal e a súa xestión.

6. Elaborar unha auditoría enerxética e da rede eléctrica para fomentar un aforro sostible.

7. Elaborar e desenvolver un plan de mantemento e limpeza das infraestruturas e vías municipais, que sirva, ademais, para axudar a potenciar o ámbito rural.

8. Xestionar a apertura dunha primeira fase do cemiterio municipal.

9. Iniciar o estudo sobre as necesidades educativas no concello, e reforzar os programas de conciliación familiar.

10. Convocar de urxencia unha Mesa Local do Comercio para poñer en común cos comerciantes medidas de apoio e desenvolvemento do sector.

11. Elaborar un plan de urxencia para a posta en funcionamento do viveiro de empresas, e potenciar o Servizo de Orientación Laboral.

12. Convocar unha xuntanza de traballo inmediata co Comité de Empresa do Concello de Ames para analizar a súa situación e analizar as súas reclamacións.

13. Activar un programa de apoio e axuda urxente para as persoas afectadas pola crise ou que se atopen en risco de exclusión social.

14. Buscar o consenso nas medidas a adoptar no Ciclo Integral da auga cuxo contrato expira en outubro.

15. Estruturar os Consellos Municipais de Educación e Deportes de cara a poñer en marcha o seu funcionamento nos primeiros meses de goberno

16. Aprobar o Código Ético da Corporación para todos os concelleiros e concelleiras con representación municipal.