Consideran que esta reforma só crea máis dificultades á cidadanía e dificulta a accesibilidade á xustiza

Os Socialistas de Ames presentaron unha moción para o seu debate no vindeiro pleno ordinario do concello, na que se opoñen á reestruturación dos órganos xudiciais e o seu funcionamento que o goberno de Mariano Rajoy pretende desenvolver co “Anteproyecto de Ley Orgánica del Poder Judicial” aprobado o pasado 4 de abril.

Tal e como explican os socialistas na súa moción, “esta reestruturación implica a desaparición dos actuais partidos xudiciais”, xa que con esta reforma pretenden crear uns novos “entes” denominados Xulgados Provinciais de Instancia; ditos Xulgados situaranse nas capitais das provincias e serán os eixos vertebradores da actividade xudicial. Este novo reordenamento implica que en Galicia desaparecerán os actuais 45 partidos xudiciais, incluídos xulgados tan importantes como serían Santiago, Ferrol e Vigo, pasando estes a ser meras delegacións do Xulgado Provincial.

Considera o Grupo Municipal do PSdeG que esta modificación só crea máis dificultades á cidadanía, xa que non se axusta ás características nen xeográficas, nen sociais do noso País, xa que existe unha enorme dispersión poboacional e o único que consegue é alonxar a administración de xustiza das persoas, causando enormes dificultades de mobilidade, ás que hai que engadir os gastos económicos derivados destes desprazamentos. Está claro que o goberno do Partido Popular, e en especial o presidente do goberno, Mariano Rajoy, e o actual ministro de Xustiza, Ruíz Gallardon, están a facer todo o posible por crear unha xustiza para ricos, xa que a estas dificultades e obstáculos desta reforma do Poder Xudicial, hai que sumarlle a implantación da “Lei de Taxas Xudiciais” que se aplica desde fai xa máis dun ano.

Os socialistas amósanse a favor de modernizar a Administración de Xustiza pero coa reforma das leis procesuais, coa regulación de solucións extraxudiciais alternativas, coa racionalización de medios materiais e persoais existentes, coa dotación de mais e mellores medios, coa informatización adecuada dos Tribunais, etc. e non con reformas e leis que están a producir un gran rexeitamento en todos os ámbitos da Xustiza, e non porque profesionalmente afecten a avogados/as, procuradores/as, xuíces/as … senón porque afectan á sociedade en xeral.

Rematan solicitando os socialistas na súa moción que se inste ao Goberno da Xunta de Galicia que lle pida ao Goberno do Estado que non aprobe definitivamente este Anteproxecto e quede sen efecto esta parte da norma, e que manteñan as demarcacións xudiciais actualmente existentes.