Representantes do Grupo Municipal do PSdeG e da Executiva percorreron o paseo fluvial de Bertamiráns para poñer de manifesto o estado de abandono que presenta

Anuncian a presentación dunha moción para que Augas de Galicia realice actuacións de prevención e limpeza

Os Socialistas de Ames fixeron un percorrido polo paseo fluvial de Bertamiráns acompañado dos medios de comunicación para poñer de manifesto o estado de abandono das canles do Rego dos Pasos e do río Sar, así como as canalizacións que veñen dos regos e de pluviais e que desembocan no Rego dos Pasos.

Os concelleiros socialistas José Miñones, Isabel González e Blas García explicaron que co paso de tempo deixouse medrar sen control a vexetación en todo o canle do rego dos Pasos, no paseo fluvial o que ocasiona que na época de moitas choivas se desborde con facilidade posto que a canle natural é cada vez máis pequena e está máis obstruída.

Tamén puideron comprobar na ponte que está na avenida da Maía como un dos condutos da mesma se atopa cheo dunha gran cantidade de area que traen as riadas, isto significa un obstáculo importante para a circulación natural da auga. Posteriormente dirixíronse ata o paseo que percorre unha parte do río Sar, no que denunciaron o estado do propio río e como a canle está taponada por diversas árbores caídas.

Os socialistas queren poñer de manifesto que por parte do goberno municipal existe unha total despreocupación polo estado de abandono e descoido deste zona, a cal é necesaria coidar e vixiar de maneira habitual posto que é a que protexe Bertamiráns das inundacións que sufría anos atrás de maneira case habitual, e por iso insisten en que é imprescindible realizar tarefas de prevención e limpeza para evitar inundacións.

Remataron esta paseo na ponte da Condomiña, pola que pasa o río Sar e preto da desembocadura do Rego dos Pasos, onde explicaron a necesidade de proceder á limpeza do río na entrada e saída da ponte, porque existen unha enorme cantidade de sedimentos que obstaculizan o paso das augas e orixinan que cando chove demasiado suba o nivel do río.

O Grupo Socialista anunciou, por boca do seu portavoz, que van a presentar unha moción no vindeiro pleno ordinario do mes de novembro no que instarán a Augas de Galicia a que acometa unha limpeza tanto da canle do Rego dos Pasos como do río Sar.