O Grupo Municipal dos Socialistas de Ames vén de presentar un escrito, a través dos concelleiros José Miñones Conde e Blas García Piñeiro, nos que solicitan o arranxo do entorno do parque infantil de Agro do Muíño. Explican os socialistas que durante o pasado ano realizáronse as obras de mellora do parque infantil sito nesta urbanización e ao carón do CEIP de Agro do Muíño, e que por motivo desta actuación ocasionáronse varios danos na zona verde.

Estes danos, din Miñones e Garcíano seu escrito, foron causados polos vehículos que accedían á zona verde e que eran os encargados de transportar os materias para o arranxo da infraestrutura infantil. Os desperfectos ocasionados consisten basicamente no levantamento da terra e a herba, deixando varias marcas de rodas. Estas rodeiras están tanto na entrada á zona verde que existe ao carón da estrada CP-0205, como no acceso pola rúa do Carballo.

O aspecto do lugar, debido a estes danos amosan unha aparencia de descoido, fai que cada vez que chove se enchan de auga as rodeiras e xeren barro e lama na zona, ocasionando dificultade para transitar polo parque e o seu entorno; máis, se temos en conta que o camiño de gravillón que existía con anterioridade e desapareceu tapado pola herba e agora non existe un lugar polo que poder camiñar dunha maneira limpa e sen ter que mollarse.

Inciden os concelleiros socialistas en que este é un espazo moi usado polos veciños e veciñas da citada urbanización e outros que residen nas súa proximidade, ademais da existencia do CEIP Agro do Muíño ao carón deste parque. Por todo iso é polo que solicitan ao concello que se proceda á recuperación e arranxo da zona verde na que se atopa o parque infantil da urbanización Agro do Muíño e o entorno do CEIP do mesmo nome, e á limpeza e recuperación do camiño existente no parque de Agro do Muíño e que bordeaba a totalidade desta zona verde.