Piden o asfaltado real do aparcadoiro do campo de fútbol de Milladoiro, así como a súa apertura no mínimo tempo posible

José Miñones, portavoz socialista, afirma que, os traballos publicitados na prensa polo alcalde amesán non se adecúan aos realizados na instalación, “ían asfaltar o aparcamento pero en realidade o que fixeron foi un tratamento superficial coñecido como DTS, unha alternativa máis económica composta de capas formadas por cascallos”.

Os Socialistas pensan que se está a facer un uso electoralista respecto desta instalación. “Pensamos que se está a demorar a súa entrega para acércala canto máis posible ao comezo da campaña electoral”, afirma José Miñones, candidato á alcaldía de Ames.

Os socialistas presentarán por rexistro, o vindeiro luns, un escrito solicitando estas reivindicacións

A algarabía suscitada polo remate das obras no aparcadoiro do campo de fútbol do Milladoiro S.D. durou o tempo exacto que o goberno popular, con Santiago Amor á cabeza, empregou, en anunciar que dita obra estaba rematada “dende había dúas semanas” e que, “precisamente mañá”, polo venres 27, os técnicos se achegarían até alí para dar por finalizada a obra.

A afirmación sobre o estado actual do aparcamento fíxose durante o turno de rogos e preguntas do pleno celebrado o pasado xoves 26 de febreiro. Na súa intervención, o concelleiro socialista, Blas García, preguntou para cando estaba previsto entregar o aparcadoiro para que o club de fútbol de Milladoiro puidera facer uso del. A esta cuestión, o Concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, contestou que a obra xa estaba finalizada e que abriría nunha semana, mentres que a Concelleira de Deportes, Eugenia Martín, puntualizou que “as obras xa estaban terminadas dende había dúas semanas” e que só quedaba por rematar pequenos detalles, e que os ían facer “mañá venres”. Segundo, Miñones, “o venres por alí non pasou ninguén, nin operarios, nin técnicos, nin concelleiros para certificar ese remate. Unha vez máis, de tantas outras, puidemos comprobar o descontrol de organización que existe neste goberno popular”.

Os socialistas puideron comprobar que, a primeira vista, parece que as obras están finalizadas, pero a realidade non é tal “xa que o único que se fixo foi botar cascallo e non asfalto como o alcalde, Santiago Amor, anunciou na prensa”.

Neste punto, José Miñones é moi duro respecto de como trata o goberno de Ames aos seus veciños e veciñas, “ou ignora totalmente as súas reclamacións ou fai anuncios gratuítos sobre o estado real dos asuntos”. “Non é de recibo que se ningunee deste xeito aos nosos cidadáns”, sentencia Miñones.

Dende a inauguración do campo de fútbol, a directiva está a solicitar un arranxo para o problema do aparcadoiro, sen moita sorte, até que o pasado mes de novembro, a través dunha partida do POS de 2014 se comezaron as tan necesitadas e ansiadas obras.

“No cartel de sinalización da obra pode lerse claramente que se vai asfaltar a zona e cando chegas alí o que constatas é que só se botou cascallo, por iso nós pedimos que se asfalte o aparcamento e á maior brevidade posible, para poder abrir a instalación ao público”, explica Miñones.

“O mesmo acontece co anuncio de dotar de gradas cubertas ao campo. A día de hoxe non está nada feito, parece que o proxecto non é tal e non se sabe por onde vai tirar este goberno. Unha vez máis comprobamos que o tal goberno é un desgoberno e que os veciños e veciñas de Ames son os verdadeiros prexudicados da falta de organización e de planificación dun alcalde ao que o cargo lle vén grande”, puntualiza o portavoz socialista.

Por outra banda, os socialistas solicitan que dende o consistorio se faga unha análise minuciosa do estado global do campo, “xa que hoxe comprobamos que a rede que pecha o campo está rota, hai varios tubos tirados e sería necesaria a colocación de varios puntos de luz, algo que xa se tiña que ter feito antes de comezar o asfaltado”, asegura o alcaldable Miñones.

Recordan os socialistas que o campo de fútbol de Milladoiro se fixo con presuposto a cargo do Plan E e que o asfaltado do aparcadoiro é unha obra que o grupo socialista propuxo facer ao longo deste mandato, seguindo a petición da directiva do clu., “Esta instalación é sumamente necesaria, o Milladoiro S.D. conta nas súas filas con 320 nenos que practican este deporte dende idades ben temperás. Ademais, neste campo adestran e xogan tamén outros equipos amesáns como o Ortoño ou o Biduído. Sen esquecer que até aquí tamén se achega a selección galega de fútbol feminino”, conclúen.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *