Presentan unha moción para debater no próximo pleno no que instan á Xunta de Galicia que inclúa nos orzamentos autonómicos as partidas necesarias para a construción do centro de saúde de O Milladoiro e a realización dun estudo de necesidades e mellora do Centro de saúde de Bertamiráns

Texto íntegro da moción:

Ames, como todos e todas sabemos, é un concello que na actualidade supera os 30 mil habitantes, polo que debería de contar cuns servizos e unhas instalacións axeitadas para prestar atención e darlle servizo aos seus veciños e veciñas, pero, desgraciadamente, isto non é así e co que nos atopamos é con enormes carencias en varios dos servizos principais debido a que o actual goberno amosa unha total despreocupación, e en moitas ocasións un pasotismo preocupante e censurable. Un claro exemplo do desleixo e o abandono ao que ten sometido este goberno ao servizo de atención sanitaria, o cal a pesares das reiteradas peticións, mocións e ata acordos plenarios o goberno do Partido Popular de Ames ten paralizadas as xestións para unha mellora do servizo e a atención aos doentes do noso concello.

O noso municipio conta na actualidade con dous centros de saúde: un no Milladoiro e outro en Bertamiráns. Sobre o primeiro xa se ten debatido no pleno da corporación mediante unha moción presentada e aprobada por maioría de 16 votos a favor, concluíndo a necesidade de axilizar prazos e compromisos entre o Concello e a Consellería de Sanidade. Nun dos puntos desa moción acordábase a obrigatoriedade por parte do Goberno de informar nos plenos sucesivos sobre as xestións realizadas en torno a este asunto. Pasados 7 plenos e 7 meses non se deu información plenaria algunha por parte do Alcalde polo que debemos entender, ou ben que non se realizou xestión algunha, ou ben que o Alcalde saltouse á toreira un acordo plenario. Sexa cal sexa o motivo a realidade é que o Centro de Saúde de Milladoiro segue sen contar co compromiso da Xunta e sen o visto bo da parcela teoricamente ofrecida polo Concello. Estando no mes de outubro, e próximos a aprobación dos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2015, o Grupo Socialista considera imprescindible que para facer valer calquera tipo de negociación ou acordo posterior de parcela algunha é necesaria a inclusión nos orzamentos da Xunta de Galicia dunha partida orzamentaria que asegure os compromisos acadados. De todos é sabido que esta partida orzamentaria xa existía e se tiña comprometida en anos anteriores e ascendía a cantidade de 2.776.085,29€, pero que a mesma foi retirada polo Partido Popular de Galicia no pasado exercicio 2014, sen que o Alcalde de Ames defendera os intereses dos veciños e veciñas de Ames e sen que dixera nin unha sola palabra ao respecto, nin presentara emenda algunha, cousa que si fixemos vía parlamentaria os Socialistas. O orzamento da Consellería de Sanidade para esta partida do Concello de Ames en todo o 2014 ascendeu a 19.500€, cantidade moi deficiente para facer fronte a infraestrutura algunha.

O outro centro de saúde co que contamos en Ames é o de Bertamiráns, un dispensario, que ao igual que acontece co do Milladoiro, conta con numerosas carencias, basicamente por ser un edificio antigo e que foi deseñado para atender a unha poboación que fai varios anos que quedou superada. Cabe destacar que os investimentos realizados neste centro son escasísimos nos últimos 20 anos, e como exemplo palpable, é que durante este tempo nin tan sequera se pintou o seu interior.

Na actualidade, este centro, da cobertura a máis de 17 mil usuarios e usuarias, incluídos varios centos de fóra do municipio. Este centro posúe varias deficiencias estruturais que é necesario arranxar e mellorar, e que fai anos que os facultativos e usuarios veñen reclamando. Cabe destacar a imperiosa necesidade de mellorar a área de administración, a cal presenta moitas dificultades tanto para a atención ao público, como para as tarefas dos traballadores e traballadoras. Así mesmo, é necesario realizar unha redistribución dos espazos existentes para crear un maior número de consultas e outras dependencias para usos habituais do centro médico que permitirían inclusive ampliar os servizos que se prestan no Centro.

Máis carencias a ter en conta e que é necesario cubrir son: a colocación dun ascensor para facilitar o acceso á planta superior, mellorar os accesos exteriores ou ampliar as zonas de aparcadoiro entre outras moitas que solicitan os propios médicos do Centro.

Non entramos a valorar nesta moción a mellora dos servizos médicos, aínda que si consideramos importante mencionar as carencias existentes na actualidade motivadas, ou ben polos recortes do Partido Popular, ou ben pola mala planificación da Xunta de Galicia e o nulo interese do actual goberno municipal. Pero actualmente sería necesario ampliar o número de matronas, ou polo menos cubrir as súas baixas, porque lembramos que Ames é un dos concellos con maior natalidade de Galicia, entre outras carencias en materia de especialidades que requiren doutra moción.

Polo anteriormente exposto é polo que o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Ames somete para a súa aprobación a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1. Instar á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ao seguinte:

⎯ Incluír nos orzamentos de 2015 as partidas necesarias para acometer a nova construción do centro de saúde de O Milladoiro.

⎯ Fixar un calendario con prazos concretos para a construción do novo Centro de Saúde do Milladoiro.

⎯ A realización dun estudo de necesidades e mellora do Centro de saúde de Bertamiráns, que sexa elaborado conxuntamente cos facultativos e persoal do centro, nos que se teña en conta o incremento de usuarios e usuarias dos últimos anos.

⎯ Incluír nos orzamentos de 2015 as partidas necesarias para acometer o estudo e as posteriores melloras no Centro de Saúde de Bertamiráns.

2. Dar traslado do citado acordo á Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade e ao SERGAS.

3. Dar traslado deste acordo aos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia para que o teñan en conta á hora de debater os Orzamentos do ano 2015

4. Que o Alcalde de Ames informe nos sucesivos plenos das xestións realizadas e notificacións recibidas en torno a estes asuntos.