Presentaron un escrito no concello protestando por usar a web como un “taboleiro de información partidista” e querer utilizar aos socialistas como xustificante dos seus erros

Os Socialistas de Ames veñen de presentar por rexistro un escrito no que lle solicitan ao goberno municipal que retire un comunicado de prensa dos Socialistas nos que informan do cambio de concelleira no Grupo Municipal e a proposta que realizaron para que se solicite a acta.

O escrito asinado polo portavoz municipal, José Miñones, pon de manifesto que non queren que se use a páxina web municipal como un “taboleiro de información partidista”, tal e como está a facer o goberno do PP; e, máis concretamente realizou a pasada semana ao publicar unha nota de prensa do Partido Popular de Ames e darlle difusión nas distintas redes sociais municipais, e que denunciaron e criticaron os socialistas.

Os socialistas achacan a publicación do seu comunicado de prensa á busca dunha xustificación do goberno do PP polo erro e a denuncia da semana pasada, e manifestan que “non queremos que se empregue ao PSdeG-PSOE para tapar os erros cometidos con anterioridade polo Goberno do PP”. Ademais, din que “nunca se comunicou este tipo de información con anterioridade ata que se realizaron cambios no Grupo de Goberno”. Lembran que nin cando se produciu a entrada doutros concelleiros durante esta lexislatura se informou nada a través da web ou de outro servizo de comunicación municipal.

O socialistas esperan que procedan a cumprir a súa solicitude e desexan que o goberno deixe de seguir usando a web municipal e outras canles de comunicación dunha maneira subxectiva e sesgada.


Escrito presentado por rexistro