Pídenlle explicacións á Xunta pola mortandade de peixes no río Tambre

O Secretario Xeral do PSdeG amesán di que preguntarán no Parlamento de Galicia cales son as causas que provocaron os danos mediambientais dos últimos 15 días

Os socialistas de Ames esixen da consellería de Medio Ambiente e de Augas de Galicia que dea as explicacións oportunas polo acontecido durante os últimos quince días no río Tambre e que afectou de maneira directa á praia fluvial de Tapia. O secretario xeral, Blas García, manifesta a súa incredulidade ante “o pasotismo amosado pola administración autonómica que ante a chegada de peixes mortos por un presunto vertido non informase a ninguén, e tampouco adoptase ningún tipo de medida preventiva”.

A situación xerada desde o pasado mes de xuño, e que se viu agravada durante este fin de semana e pola que o concello de Ames adoptou a medida de pechar a praia fluvial de Tapia ao baño como medida preventiva, careceu por parte da Xunta de Galicia de ningún tipo de actuación informativa ou medida preventiva, consentindo un problema medioambiental, do que a día de hoxe aínda se descoñecen de maneira oficial as causas da mortandade dos peixes e das feridas que sufriron algunhas das especies. É por esta razón pola que lle solicitamos a Augas de Galicia e á consellería de Medio Ambiente que aporte de xeito oficial a información oportuna que causaron este grave problema ambiental. “Os Socialistas de Ames trasladaremos ao Grupo Parlamentario Socialista a información necesaria para que presenten unha pregunta ao goberno autonómico no Parlamento de Galicia”, informa Blas García; e, sigue manifestando o seu enfado pola “complicidade amosada por quen debería de protexer e preservar o medio natural”, e amósase especialmente preocupado porque “se atente de xeito libre contra o río Tambre e non se adopten ningún tipo de control ou de medida correctiva”.

APOIO Á PLATAFORMA DE MIRAMONTES
De igual xeito os socialistas de Ames manifestan a súa preocupación pola permisividade medioambiental no río Tambre e o escaso control existente por parte dos responsables autonómicos, tal e como se puido comprobar estes días, e se está a ver desde fai moito tempo co complexo existente en Grixoa, no concello de Santiago, na que una serie de irregularidades na xestión ambiental dos residuos que se xeran está a contaminar o entorno e a provocar que residuos e metais pesados das augas residuais acaben chegando ao río Tambre, tal e como se aprecia nos informes solicitados pola plataforma de Miramontes e outros colectivos. “Non se pode permitir poñer en risco o río Tambre polo que hai que actuar de maneira urxente sobre ese foco de contaminación, polo que os socialistas amesáns apoiamos as reivindicacións dos veciños e veciñas de Miramontes e as da plataforma que os representa”, afirma o secretario xeral de Ames.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *