Presentaron o pasado venres un escrito no que piden información diversa sobre a brigada municipal conveniada coa Xunta

Incendio
O pasado 5 de xullo o Grupo Municipal Socialista presentou un escrito no concello no que se preocupaba polo estado do Programa de Prevención e Extinción de Incendios Municipal, xa que ante a vaga de calor anunciada e dados os antecedentes de incendios forestais acontecidos tradicionalmente no noso concello, a brigada municipal contra incendios forestais de Ames, que o concello conveniou coa Xunta de Galicia, aínda non empezou a traballar.

Por esa razón, os socialistas pedimos ao goberno que nos informe de varios aspectos relacionados co programa de loita contra os incendios forestais, tales como as actividades a realizar pola brigada, o persoal do que van a dispoñer e como se vai a seleccionar ao mesmo; ou, o custe aproximado da citada brigada, e canto aporta a Xunta no convenio asinado. Así mesmo tamén preguntan a data do inicio do programa de prevención e extinción de incedios.

Aclaran os Socialistas de Ames que, como é normal e dada a lentitude do goberno de Ames, aínda non recibiron ningunha resposta nin información relacionada co asunto. Pero que as súas sospeitas son as de que por parte do goberno municipal que preside Santiago Amor, aínda non existe ningún Plan ou Programa específico para loitar contra os lumes forestais, e que seguramente o único plan que ten a estas alturas o goberno do PP é o de encomendarse a algún santo para que non haxa ningún incendio. “E visto, que xa transcurriron os primeiros días do mes de xullo e que aínda hai que facer a selección de persoal, dotala de medios e poñela a funcionar é posible que ata mediados de setembro non teñamos esa brigada”, afirman en ton irónico. E a pregunta é: agardarán os incendios ata esa data?

SISTEMA OBSOLETO
Para o PSdeG volver a este sistema de brigadas municipais é un erro e un atraso, xa que nós defendemos un sistema profesionalizado con persoal experimentado na loita contra os lumes, e coa formación necesaria para poder combater esta lacra que debemos de sufrir todos os veráns; e polo tanto, consideramos un erro e un risco para os traballadores e traballadoras das brigadas municipais volver a un sistema obsoleto que está demostrado que é ineficaz ademais de ocasionar duplicidade de funcións.

Pero unha vez que o alcalde de Ames se decidiu a conveniar coa Xunta unha brigada municipal deberá de desenvolver canto antes a súa creación e posta en funcionamento, procurando, iso si, que as persoas que formen parte da mesma teñan algún tipo de experiencia e/ou formación na loita contra os incendios e escoller aos máis profesionais e aos máis cualificados; e desexamos, polo tanto, que o alcalde non caia na tentación de elixir aos máis amigos ou próximos intentando pagar algún tipo de favor e que resulten que sexan afeccionados e carentes de ningún tipo de adestramento na prevención e extinción de incendios.