Beirarrúas en Tarrio
Os veciños e veciñas de Ames trasládanlle ao PSdeG-PSOE as súas queixas porque a maleza invade estradas, pistas e camiños.

Este estado de abandono tamén se pode observar no traxecto do Camiño de Santiago que atravesa Ames

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE vén de presentar un escrito diante do concello no que solicita información sobre os traballos realizados polo tractor-desbrozadora municipal, así como a relación de lugares nos que estivo. Así mesmo, tamén solicitan o plan de actuación que se desenvolverá nos vindeiros meses.

O motivo deste escrito non é outro máis que o de plasmar o malestar veciñal existente diante do lamentable estado que amosan moitas zonas do concello, nas que a herba e a maleza se apoderou de moitas beirarrúas e bordes de pistas e camiños, o que ademais de ocasionar trastornos, nalgunhas zonas orixina serios perigos para moitos vehículos e para as persoas.

ROGOS E PREGUNTAS NOS PLENOS
Os socialistas, tamén queren deixar patente que xa levaron ao pleno da corporación infinidade de rogos e preguntas sobre o penoso estado e a deixadez de moitos lugares e nunca obtiveron ningún tipo de contestación nin observaron que se solucionasen. Por outra banda, tamén queren facer constar o descoidado e o desatendido que se atopa o traxecto do Camiño de Santiago que cruza polo noso municipio, o que pon de manifesto aos peregrinos que decidan facer ese anaco de Camiño o desinterese que amosa o goberno municipal, así como a inacción e a parálise á que nos teñen acostumados, onde este abandono é un reflexo máis da situación xeral que amosa o concello de Ames.