O Grupo Municipal Socialista de Ames levará dúas mocións ao vindeiro pleno ordinario, que se celebrará o día 23, e nas que amosan a súa preocupación e interese por dous asuntos que tratan sobre o benestar e asuntos sociais.

Unha das mocións critica de maneira xeral a reforma do mercado laboral aprobada polo Goberno que preside Mariano Rajoy, aínda que nesta iniciativa os socialistas amienses céntrana no relativo á discriminación que creou esta reforma no caso das mulleres. Expoñen os concelleiros e concelleiras do PSdeG que “a reforma laboral supuxo unha deterioración xeneralizada dos dereitos laborais porque opera sobre o modelo de contratación, abarata e facilita o despedimento, desregula as normas de garantía dos dereitos dos traballadores e traballadoras e reduce os custos laborais, a través da redución xeneralizada dos salarios”. E explican que se crea unha clase de traballadores pobres, onde as mulleres se levan, novamente, a peor parte; polo que se “pode dicir, lamentablemente, que a reforma laboral acrecentou a discriminación por xénero no noso país.”, din na moción.

Datos sobre a situación laboral das mulleres
Segundo os Socialistas amienses, na actualidade o 16% das mulleres traballadoras cobra menos do salario mínimo interprofesional, fronte a un 6% dos homes. Un 39% das mulleres gaña entre unha e dous veces o salario mínimo interprofesional, fronte ao 29% no caso dos homes. As mulleres traballadoras supoñen o 70% dos que gañan menos do salario mínimo interprofesional e o 54% dos que gañan dunha a dous veces o salario mínimo interprofesional; iso si, só o 29% dos que gañan de sete a oito veces o salario mínimo interprofesional e só o 26% dos que gañan oito veces ou máis o salario mínimo interprofesional. Estes datos poñen de manifesto e amosan con rotundidade que existe unha clara desigualdade das mulleres no mercado laboral agravadas por esta reforma laboral.

Galicia á cola de España
Pero, en Galicia os datos son aínda máis preocupantes e atopámonos á cola xunto con Canarias e Estremadura non é allea no que a salarios se refire dentro do conxunto do Estado, tal e como se aprecia nos datos publicados polo INE. “Polo tanto, a situación na que se atopan moitas mulleres galegas é intolerable, ademais de profundamente inxusta, discriminatoria e aínda máis precaria que no resto de España”, explican os socialistas amienses na moción asinada polo portavoz municipal, José Miñones.

Derrogación da Lei e máis políticas activas de emprego
Nesta moción, os concelleiros e concelleiras socialistas solicitan que o Goberno de Mariano Rajoy derrogue a Lei 3/2012, de 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral.

Pídenlle, ademais, aos Gobernos central e que recuperen as políticas activas de emprego específicas para mulleres, tendo en conta os grupos de idade e situacións desfavorecidas, …. Así mesmo tamén lle instan a ambos gobernos a fomentar a elaboración de programas de formación en orientación e técnicas de busca de emprego.

Remata esta moción instando a todas as administracións, a través da negociación colectiva e mediante un Plan de Igualdade que corrixa as desigualdades existentes entre mulleres e homes, o estrito cumprimento da Lei de Igualdade no eido público correspondente.

MOCIÓN PARA A PREVENCIÓN E LOITA CONTRA O VIH E A SIDA

A outra moción presentada para este pleno amosa a preocupación do PSdeG pola crecente desleixo de moitas administracións públicas, especialmente o Goberno de España e a Xunta de Galicia, no que ao desenvolvemento de políticas de prevención e atención ás persoas afectadas polo VIH e a SIDA se refire,o que está a ocasionar o incremento no número de contaxios.

Explican na súa moción os socialistas amienses que “esta ausencia total de políticas públicas en materia de VIH e SIDA, provocada polos recortes, contrasta coa rápida posta en marcha de medidas que restrinxen dereitos e prestacións ás persoas que viven co VIH, como o repago dos medicamentos, o crecente aumento de trabas para a dispensación de antirretrovirais na farmacia hospitalaria ou as restricións no acceso aos medicamentos de última xeración contra a hepatite C. Todo iso sumado á exclusión sanitaria que para moitas cidadás e cidadáns supuxo a aprobación do Real Decreto-Lei 16/2012, que acabou cos principios de universalidade e equidade do noso sistema público de saúde”.

Redución dun 75% nas axudas de prevención
Nos últimos tempos, en España, téñense reducido nun 75% as axudas destinadas a financiar os programas de prevención do VIH que desenvolven as ONG, pasando de case 4 millóns de euros en 2011 a 1 millón en 2012 e 2013. E en Galicia a achega á loita contra a SIDA reduciuse nun 55% o que provocou a desaparición dos Comités Antisida de Ourense, Vigo e Compostela, destino que tamén pode seguir o de Ferrol, que está a piques de pechar. Ademais, as campañas de prevención desapareceron da axenda do Goberno Galego. E non cabe dúbida que as decisións políticas teñen consecuencias, e agora mesmo coa aplicación destas medidas de recorte estase a poñer en perigo algo tan grave como a saúde dos cidadáns deste país, provocando un gran retroceso nunha loita tan longa e dura como ten sido a de combater o VIH e a SIDA.

Condenar os recortes
Nesta moción o PSdeG solicita que se rexeiten e se condenen os recortes que o Partido Popular está a levar a cabo desde o Goberno de España e a Xunta de Galicia nas políticas de prevención e loita contra o VIH e de atención ás persoas con SIDA. E ínstase á Xunta de Galicia que habilite unha liña de financiamento específica e urxente que evite a desaparición dos Comités AntiSIDA que aínda se manteñen en activo en Galicia e permita a reactivación dos que xa tiveron que pechar.

Piden tamén que se poña en marcha desde os Servizos Sociais Municipais un calendario de actividades destinado a previr o contaxio por VIH entre os mozos e mozas do noso concello.