Presentan unha proposta para modificar as ordenanzas fiscais e se bonifique ás persoas máis necesitadas

Solicitan unha xunta de Voceiros con carácter urxente para debater sobre esta proposta cós técnicos e o resto dos membros da Corporación.

Piden ademais bonificacións para fomentar a creación de empresas, a emancipación de mozos e mozas en paro, ou o uso das enerxías alternativas

Propoñen o incremento das taxas para a ocupación dos caixeiros automáticos das entidades bancarias, as antenas de telefonía móbil ou para a terceira vivenda

O Grupo Municipal dos Socialistas de Ames vén de presentar un escrito no que lle solicita ao alcalde, Santiago Amor, a convocatoria urxente da xunta de voceiros coa intención de presentar e debater sobre as propostas que presentan os socialistas para a modificación das ordenanzas fiscais para o ano 2015. Explican no seu escrito que estas propostas están abertas a estudio por parte de todos os grupos e consideran que buscan mellorar o día a día dos máis necesitados do noso Concello. O portavoz socialista José Miñones afirma que “espero que o alcalde e o grupo de goberno do PP atenda esta petición porque é positiva para os amesáns e as amesás que peor o están a pasar e que teñen máis necesidades”, continúa dicindo que “non creo que o alcalde se amose insensible ante a situación de moitas familias que sairían beneficiadas desta modificación nas ordenanzas”.

Lembra os Socialistas que o goberno de maneira unilateral decidiu non levar as taxas e ordenanzas a pleno ao considerar que non ían a sufrir modificación, e intentou vender á opinión pública que as ía a conxelar para o vindeiro ano; cando a realidade é outra vén distinta, xa que o IPC acumulado indica que este baixou o 0,4%, polo que non é real que o goberno lle faga un favor aos cidadáns conxelando as ordenanzas e moito menos coa pirueta que intentou facer explicando que as debería de subir un 1,4% en función do Índice de Prezos ao Consumo acumulado. “Está claro que este goberno –di Miñones- só funciona con enganos, medias verdades e maquillaxe mediática para intentar enganar aos veciños e veciñas de Ames”. E pregúntase o portavoz socialista: “cando se dará conta o señor Amor e os seus compañeiros e compañeiras do PP que están no goberno para servir aos amesáns e non para enganalos a cada instante que teñen ocasión?”

Axudar e beneficiar á familias máis necesitadas
As modificacións e propostas das ordenanzas fiscais que presentan os membros do Grupo Municipal Socialista van encamiñadas a axudar e beneficiar ás familias máis necesitadas do municipio propoñendo, por exemplo, unha bonificación do 90% da cota íntegra do IBI para aquelas familias que teñan todos os membros no paro e esgotaran calquera tipo de prestación, e igualmente no caso das familias monoparentais cuns ingresos que non superen o IPREM. Tamén propoñen nos programas de conciliación familiar tales como “Bos días cole” “Programas lúdicos” e o servizo de comedor escolar unha bonificación do 75% para as unidades familiares cunha renda igual ou inferior o 50% do IPREM anual e tamén para familias con menores con problemas de integración social, familias en risco de desestruturación familiar, pendentes de iniciar ou tendo iniciado o expediente de protección de menores ou casos de intervención socio familiar.

Así mesmo, tamén se lembran dos mozos e mozas amesás, para os que propoñen unha bonificación do 75% da cota íntegra do IBI para os que estean independizados e acrediten estar en situación de desemprego.

Creación de novas empresas
Consideran os Socialistas moi importante buscar medidas para fomentar a creación de novas empresas ou a contratación de desempregados por iso propoñen unha bonificación temporal e transitoria de taxas por licenza de apertura de novos negocios, ou unha bonificación da cota do imposto de actividades económicas (IAE) por incremento de traballadores.

Fomentar as enerxías alternativas
Inciden nesta proposta na importancia de primar o respecto polo medio ambiente e a utilización de enerxías limpas tanto nas vivendas como nos vehículos. Existen propostas de bonificación no ICIO para aquelas construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar; ou, no Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) para os vehículos de motor eléctrico, alimentados por baterías, ou os considerados híbridos.

Incremento de taxas para caixeiros automáticos, telefonía móbil e terceira vivenda
Pero non todo son rebaixas nas ordenanzas, tamén propoñen subas na taxa de ocupación dos caixeiros das entidades bancarias ou ao aproveitamento especial de dominio público local por empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil.

Tamén propoñen que aos inmobles de uso residencial, a partir da terceira vivenda, que se atopen desocupados con carácter permanente, se lles aplique unha recarga do 50% da cota líquida do imposto.

Son máis as taxas sobre as que propoñen actuar, e cren oportuno que o Goberno municipal recapacite a súa intención de non modificar as ordenanzas fiscais, e apuntan que “estes son os momentos de actuar e tomar medidas e decisións que favorezan aos veciños e veciñas de Ames, e non os de quedar impasible e conformarse co que xa hai”, di José Miñones, que se encarga de lembrar que o ano pasado “grazas á proposta e ao voto particular do Grupo do Partido Socialista as taxas quedaron conxeladas, porque o Partido Popular pretendía incrementalas nun 1,8 por cento”.

“A verdade –conclúe o portavoz socialista- é que temos a esperanza de que se tome en consideración a nosa proposta e que todos os concelleiros e concelleiras podamos debater e propoñer novas medidas e modificacións das ordenanzas para permitir que a carga fiscal dos nosos veciños e veciñas sexa o máis levadeira posible, especialmente para os máis necesitados; e, que os que máis teñen sexan os que máis paguen”.

Propostas de Ordenanzas Fiscais 2015 (pdf)

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *