Tras a dimisión de Francisco Doval no pleno ordinario do pasado mes de marzo toma posesión o novo concelleiro Blas García

Os Socialistas de Ames queren agradecer o traballo desenvolvido no concello por Francisco Doval durante esta lexislatura, onde xogou un papel importante

No pleno ordinario do mes de marzo fíxose efectiva a renuncia como concelleiro de Francisco Doval. Dimisión que se produce, tal e como explicou o ex concelleiro, débese a motivos estritamente laborais e profesionais ao ver incrementada a súa xornada laboral e polo tanto non poder dispoñer do tempo necesario para dedicarlle á súa labor como concelleiro.

Dado que a seguinte persoa da candidatura socialista, que ocupaba o posto de terceira suplente, non pode asumir a súa responsabilidade por atoparse fóra do concello, polo que presenta a súa renuncia; é cando a Executiva Local e o Grupo Municipal Socialista tras analizar a situación acordaron, en función do que fixa a LOREG no seu artigo 182.2, nomear a unha persoa que non formase parte da candidatura do PSdeG-PSOE nas eleccións municipais do 2011.

Todos estes pasos e acordos foron postos en coñecemento da Asemblea de militantes no mes de febreiro, a cal avalou por unanimidade o acordado pola Executiva e o Grupo Municipal.

A persoa proposta polo PSdeG-PSOE de Ames para formar parte do Grupo Municipal Socialista é Blas García Piñeiro, actual responsable de prensa e comunicación dos Socialistas de Ames. O novo concelleiro, que tomará posesión no pleno que se celebrará o día 5 de xuño, amosou a súa satisfacción por poder colaborar e axudar desde o Grupo Municipal ao Partido Socialista; e agradeceu a confianza depositada nel polos compañeiros e compañeiras da Agrupación Socialista, aos que “espero non decepcionar neste escaso ano de lexislatura, e tanto a eles como aos veciños e veciñas de Ames só lle podo prometer traballo e dedicación”. O novo concelleiro explica que “nuns momentos nos que a política está cada vez máis denostada pola sociedade e nos que militar nun Partido como o PSOE é un descrédito, é o momento de dar un paso ao fronte e dar a cara pola cidadanía sen avergoñarse e para demostrar que non todos somos o mesmo”.

Agradecementos a Francisco Doval

Os Socialistas de Ames queren agradecer o traballo desenvolvido no concello por Francisco Doval durante esta lexislatura, onde xogou un papel importante en temas como o regulamento da auga, propostas sobre infraestruturas ou temas educativos.

Dedicación importante ao concello

Os Socialistas de Ames, tal e como xa temos manifestado queremos que as persoas que se incorporen ao Grupo Municipal poidan ter unha dedicación importante, xa que a situación política que atravesamos no noso concello require un traballo amplo e unha entrega extensa á condición de concelleiro ou concelleira.