As tres forzas que compoñen o Goberno de Ames reeditan o seu acordo para a segunda metade do mandato.

Os partidos políticos PSdeG-PSOE, CONTIGO PÓDESE-Ames e BNG consideran positivo o balance do goberno tripartito de Ames, así como valoran o alto grao de cumprimento do programa de goberno no ecuador do mandato municipal.

Representantes das tres formacións políticas que asinaron o pacto de goberno en 2015 para garantir a gobernabilidade do concello de Ames tiveron varias xuntanzas ao longo deste mes de xullo para avaliar e facer seguimento do Programa de Goberno acordado hai dous anos.

Ao longo das reunións analizouse o cumprimento programático, tanto a nivel global como das distintas áreas do goberno que foron delegadas en concelleiros e concelleiras das tres formacións políticas. Con carácter xeral, os representantes das tres organizacións amosan a súa satisfacción polo alto grado de desenvolvemento e execución do programa pactado en 2015 cando vai transcorrida a metade deste período electoral. Polo tanto, faise un balance positivo da evolución do goberno local amesán, ao apostar por unha política aberta, transparente e participativa coa cidadanía. Así mesmo, en dous anos demostrouse que a pluralidade e talante democrático do goberno favorecen a gobernabilidade, estabilidade e mellora o funcionamento dos servizos municipais. Por iso, animan a manter esta dinámica de goberno, que aposta polos consensos e diálogo continuado entre forzas políticas progresistas, nacionalistas e de esquerdas e asentado na participación veciñal.

Destacan, neste sentido, as iniciativas e medidas executadas contando coa opinión e participación de veciños e colectivos, como a realización de xuntanzas veciñais para decidir directamente os investimentos do concello con máis de 180 propostas presentadas, co persoal empregado municipal, onde se conseguiu o desbloqueo e aprobación da relación de postos de traballo que incorporou melloras laborais, ou a aposta pola transparencia e o goberno aberto coas tecnoloxías da información, coa posta en marcha e mellora do portal de transparencia do concello.

Por outra banda, na valoración destes dous anos de Goberno se superaron moitas circunstancias adversas produto dunha herdanza oculta recibida. A acción de goberno non só avanzou en base ao plan programático trazado senón que resolveu moitas dificultades e hipotecas do goberno anterior: o pagamento de máis de 1,5 millóns de euros en facturas atrasadas, ademais de 460 mil euros pendentes da depuradora imputábeis ao concello, a negociación sobre a débeda municipal coas entidades financeiras que rebaixou o promedio dos gastos financeiros. O indicador máis ilustrativo que constata unha mudanza positiva na xestión económica é a diminución do período de pagamento a provedores de 87 a 5 días, en apenas 2 exercicios onde ademais –insistimos- se afrontaron numerosas obrigacións pendentes pola desidia do goberno anterior.

Así mesmo, os compromisos máis relevantes adquiridos non só no pacto de goberno senón na investidura da Alcaldía, xa teñen unha resolución positiva, encamiñados nestes dous anos de goberno, o que demostra a vontade de servizo á veciñanza de Ames. A rápida xestión para a votación do solar do centro de saúde do Milladoiro conleva que nestes momentos a construción dese equipamento sexa unha realidade. No eido educativo, as ampliacións e melloras de centros educativos foron continuadas, ademais de sentarse as bases da planificación educativa a medio prazo, contando co consenso e achegas da comunidade educativa, ademais de mellorar todos os programas complementarios educativos ligados á conciliación familiar.

A ampliación dos orzamentos en materia de servizos sociais, así como a duplicación das horas de atención a persoas maiores, tamén reforzan o compromiso co investimento en políticas sociais. A consecución de fondos para arranxar o cemiterio municipal permitirá que xa neste exercicio se culmine a primeira fase e sexa inmediata a súa posta en funcionamento superando así máis dunha década de anuncios en falso para ser unha realidade. Tamén ao longo deste ano se executarán as obras de ampliación mellora de instalacións deportivas, entre elas a do pavillón do Milladoiro e unha instalación polivalente en Bertamiráns. No eido cultural tamén destaca a consolidación dunha ampla programación cultural que atinxiu en case todos os eventos unha asistencia que completou aforo, que tamén indica unha sintonía coas demandas veciñais. Ademais, a participación trasladouse recentemente á radio municipal, coa apertura á veciñanza para presentar e realizar proxectos radiofónicos populares, que serán emitidos xa ao longo deste 2017.

As tres formacións políticas xulgamos necesarios este repaso sumario mais amplo pois dá conta que os compromisos adquiridos publicamente para compartir un goberno e xestionar o concello de Ames están a ser desenvoltos con normalidade a consonte o Programa asumido ante a veciñanza. A pluralidade achegou un valor moi importante que foi a participación e consulta constante coa cidadanía amesá, e iso permitiu sen dúbida concretar as medidas programáticas con máis acerto e poder nestes momentos dar conta dun elevado cumprimento dos compromisos políticos para este mandato municipal.

Con todo, somos conscientes do que queda por facer, que é moito, e animamos ao Goberno tripartito amesán a manter este espíritu de colaboración interna e de apertura á participación veciñal como garantía de execución efectiva do programa de goberno ao final deste mandato municipal.

O logro alcanzado polas tres forzas está a ser un exemplo a nivel nacional amosando que co diálogo chega o entendemento e un goberno de tres forzas ben pode traballar a prol da cidadanía cunha transformación inmediata de políticas e con logros inalcanzables no pasado para gobernos maioritarios.