Incendio Forestal

Os Socialistas de Ames presentaron unha moción para o seu debate no vindeiro pleno ordinario.

José Miñones: “Pretendemos concienciar ás direccións dos partidos políticos da necesidade da elaboración dunhas medidas consensuadas para loitar todos xuntos con convencemento”

Os Socialistas de Ames veñen de presentar unha moción sobre os incendios forestais, para o seu debate no vindeiro pleno ordinario deste concello, na que poñen de manifesto a necesidade de que “todas as forzas políticas afronten este problema con seriedade e responsabilidade e deixen de usar os incendios como arma política para atacar ao adversario”, xa que, tal e como indican no texto da súa moción, “posto que quedou demostrado que atacando, criticando e descualificando non conseguiu rematar con esta lacra, a pesares de que a responsabilidade dos lumes forestais foi desenvolvida por máis dun partido político.”

Indica o portavoz do Grupo Municipal Socialista, José Miñones, que con este texto “pretendemos concienciar ás direccións dos partidos políticos da necesidade da elaboración dunhas medidas consensuadas para loitar todos xuntos con convencemento contra os incendios forestais que verán tras verán asolan os nosos montes”. Puntualizan os socialistas que a cidadanía reclama pactos en temas de interese para o país, e que están cansos de loitas, pelexas e acusacións, especialmente en asuntos como este no que se poñen en perigo vivendas e vidas humanas e se deteriora gravemente un dos tesouros máis importantes de Galicia.

Os socialistas reclaman na súa moción, á cal pretenden sumar o apoio das demais forzas políticas do concello de Ames, que a Xunta de Galicia considere aos incendios forestais coma un problema de país e que se aplique de forma efectiva a Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia e se obrigue aos entes públicos e aos propietarios privados ao cumprimento exhaustivo da mesma.

Ademais, tamén lle piden ao Parlamento de Galicia que convoque unha comisión de traballo na que participen todos os sectores implicados para que aporten as súas propostas para loitar contra os incendios forestais; e, se elaboren por consenso de todas as forzas políticas unhas conclusións reais e efectivas.

“Non temos ningunha dúbida que cunha implicación real de todos os sectores implicados, e a achega de técnicos e profesionais do sector, e o respaldo político de todas as forzas se conseguiría loitar de maneira eficaz contra esta lacra”, apunta José Miñones. Por iso solicitan, tamén, que se dea traslado desta moción a todas as forzas políticas con representación parlamentaria en Galicia.

Texto da moción sobre Incendios Forestais