Os portavoces socialistas de Santiago de Compostela e Ames tiveron unha xuntanza para falar sobre o estado do Río Sar e o transporte e os accesos a Santiago

Miñones pide información sobre as obras na rotonda de Conxo por ser un punto de acceso importante á cidade para os veciños e veciñas de Ames

O portavoz socialista de Ames recorda a promesa do exconselleiro de Medio Ambiente e actual alcalde de Santiago de ampliación da depuradora de Sisalde

Piden máis contacto entre os alcaldes de ambas localidades

Os portavoces municipais de Ames e Santiago ofreceron unha rolda de prensa conxunta posterior á xuntanza de traballo que mantiveron e na que analizaron diversos temas de interese para ambos municipios. A futura depuradora de O Souto e os vertidos ao río Sar, ou os accesos a Santiago e o transporte metropolitano foron os puntos máis importantes tratados por José Miñones e Francisco Reyes.

O portavoz socialista de Ames amosou a súa preocupación pola falta de información que posúen respecto ás obras na rotonda de Conxo, “xa que é a principal vía de entrada á cidade de Santiago desde o Milladoiro”, explicou. Manifestou coñecer polos medios de comunicación e polas manifestacións do alcalde compostelán que se está a traballar na construción dun túnel en Conxo, pero que de maneira oficial non teñen ningún tipo de información. “O alcalde de Ames non tivo ningún tipo de contacto con nós nin cos veciños e veciñas para explicarlle o que vai a pasar cando inicien as obras de construción do túnel, e iso cáusanos certa preocupación porque son moitos os amienses que empregan o acceso por Conxo para ir aos seus traballos ou a realizar outras xestións na cidade”, di o portavoz socialista de Ames; polo que “sería importante que alguén nos informase a nós e aos cidadáns de Ames o que vai a acontecer ou que vías alternativas imos a ter para entrar en Santiago”, puntualizou. Puxo de manifesto que son moitos os rumores existentes sobre accesos alternativos pero algúns que se manexan son auténticas loucuras pola enorme distancia a percorrer.

Francisco Reyes falou do estudio realizado no seu día polo actual alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e daquela conselleiro de Transportes, no que se estudaba a viavilidade da construción dun metro lixeiro para a cidade compostelá.

Depuración do río Sar
Outro dos temas tratados foi a depuración do río Sar e ambos portavoces coincidiron na urxente necesidade da construción da EDAR de O Souto, a cal xa leva varios anos de atraso por culpa da xestión do goberno do PP de Santiago. Foi o goberno de Conde Roa o que decidiu de maneira unilateral cambiar a súa situación inicial e iso, ademais do atraso ocasionado, tamén fai que se poda perder a subvención dos fondos europeos para realizar esta importante obra.

Miñones incidiu na urxente necesidade de depurar as augas do Sar, xa que “só con dar unha volta polas ribeiras do río ao seu paso por Ames pode apreciarse o estado no que se atopa”, dixo. O socialista amiense tamén lembrou o estado no que se atopa a depuradora de Sisalde (Ortoño) que se fixo no seu momento para atender a 13.000 veciños e veciñas de Ames e agora está sobrecargada xa que atende a 18.000 o que fai que non depure en condicións. Esta EDAR próxima a Bertamiráns foi visitada fai varios anos polo anterior conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e prometeu a súa ampliacion, pero “a día de hoxe aínda non se acometeu ningunha actuación”, dixo José Miñones.

O portavoz de Ames dixo botar de menos a comunicación entre o alcalde de Ames e os distintos alcaldes de Santiago, xa que polo que a el lle consta Santiago Amor só se reuniu oficialmente unha vez con Conde Roa, e ningunha cos outros dous alcaldes. “Considero vital para o desenvolvemento dos dous concellos as xuntanzas periódicas dos seus alcaldes, xa que existen moitos asuntos que lle afectan a ambos municipios”, di Miñones, o que se amosou sorprendido porque non se produzan estes contactos de maneira frecuente, “moito máis se temos en conta que ambos son do mesmo partido político”, puntualizou.