Din os socialistas que a consecución do acordo para o POS 2014 non foi doado e que rematou con consenso grazas á súa persistencia e tenacidade

Miñones: “Os socialistas, por responsabilidade, sempre tivemos a man tendida e as nosas portas abertas para rescatar a este Goberno do naufraxio ao que nos están levando”

No pasado pleno ordinario de Ames aprobouse o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal para o 2014 (POS 2014) nunha cantidade superior aos 498 mil euros, dos cales se dedicarán a inversión a obras 398.414,13 euros (un 80 por cento) e polas que se desenvolverán dez obras necesarias para o concello amiense. Destas obras a metade son actuacións propostas polo Grupo Socialista durante as xuntanzas desenvolvidas polos grupos municipais e representantes dos concelleiros non adscritos.

A pavimentación da rúa Fontaldeiro e Cantalarrana, a reparación da estrada de Ameixenda, o asfaltado e acceso ao aparcamento do campo de fútbol de Milladoiro, a mellora da seguridade peonil e asfaltado do acceso ao colexio Alca e a pavimentación do camiño de Portanxil a Trasmonte son as obras propostas polos Socialistas de Ames e que finalmente se incluíron dentro das actuacións do POS 2014, aínda que a proposta realizada por escrito xa o pasado mes de novembro era moito máis ampla e contaba con actuacións que consideraban necesarias; pero tal e como manifesta o portavoz socialista, José Miñones, “sentímonos satisfeitos porque se tiveran en conta nesta ocasión estas propostas realizadas polo Grupo Socialista, pero seguiremos traballando para que se materialicen as obras que quedaron fóra deste POS, porque tamén son necesarias”. Así mesmo, tamén se inclúe dentro do Plan Complementario a mellora da capa de rodaxe da estrada de Cortegada a Montemaior, na parroquia da Ameixenda.

Persistencia e tenacidade socialista
Lembran os Socialistas que a consecución deste acordo para o Plan de Obras e Servizos do ano que vén non foi doado e que se tivo este remate foi grazas á persistencia e á tenacidade dos concelleiros e concelleiras socialistas, especialmente do seu portavoz, José Miñones, porque desde o mes de setembro levaba reclamando unha xuntanza para afrontar as obras do POS 2014 e que non tivo a súa conclusión ata este mes de decembro. Di Miñones que “ a este Goberno Municipal hai que estarlle enriba constantemente e fiscalizando todo o seu traballo e as súas actuacións”, e explica o portavoz socialista que “se nós non insistiramos tanto co POS e con lavalo adiante por consenso seguramente a día de hoxe estaría sen resolver ou acabaría nun enfrontamento entre o pleno da corporación”.

O exemplo está no acontecido o pasado ano onde o Plan provincial foi a gota que fixo estoupar o goberno de Ames e que orixinou a división entre Amor e Argibay coas lamentables consecuencias que trouxo a posteriori e que agora mesmo estamos a sufrir todos os amienses. Miñones lembra que no anterior pleno do POS foi no que se ausentaron os concelleiros díscolos que remataron por escindirse do Partido Popular, e “que tivo que ser o Grupo Socialista cos seus votos e de maneira responsable o que axudase a que saíse adiante o plan anterior ou teríanse perdido case medio millón de euros”.

Ames necesita diálogo e consenso
Rematan os Socialistas manifestando que o camiño do diálogo e o consenso é o que necesita Ames nestes momentos para poder saír do atranco político e económico no que se atopa por culpa do desgoberno ao que nos ten sometidos o alcalde, Santiago Amor, o cal entre que leva meses “ausente” da alcaldía, a minoría na que se atopa e a súa falta de talante negociador “estanos sometendo aos veciños e veciñas de Ames a un castigo constante e está logrando que Ames retroceda a finais do século pasado”.

Di José Miñones para concluír, que “os socialistas, por responsabilidade, sempre tivemos a man tendida e as nosas portas abertas para rescatar a este Goberno do naufraxio ao que nos están levando, pero sempre que sexa en interese e beneficio dos amienses”