As forzas de esquerda acordan apoiar na investidura a Miñones como alcalde de Ames

Os candidatos e candidatas dos partidos políticos de esquerda asinaron un documento de 21 medidas de actuación urxentes que vai vinculado ao acordo de investidura

Estas medidas urxentes serán para desenvolver ao inicio do mandato e abarcan varias áreas municipais

Este é o texto e as medidas que asinaron na tarde de hoxe os candidatos e candidatas do PSdeG-PSOE, José Miñones; Ames Novo, Pilar Candocia; Contigo Pódese, Genma Otero; e, BNG, David Santomil:

As forzas políticas de esquerdas que obtiveron representación na corporación municipal de Ames (PSdeG-PSOE, Ames Novo, Contigo Pódese e BNG) acordan as seguintes medidas de actuación urxentes para desenvolver ao inicio do mandato, e que van vinculadas ao acordo de investidura para o pleno do sábado 13 de xuño no que as formacións asinantes votarán a candidatura a alcalde de Ames de José Miñones Conde.

MEDIDAS DE ACTUACIÓN:

1. Elaborar uns orzamentos nos que se reflicta a participación dos veciños e das veciñas.

2. Analizar a situación económica do concello e renegociar a débeda, en especial o crédito ligado ao Plan de Axuste.

3. Solicitar xuntanzas de traballo de carácter urxente con:

⎯ Presidente da Xunta de Galicia, para corrixir a discriminación co concello de Ames nos orzamentos do 2015.

⎯ Conselleira de sanidade, para buscar unha solución para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro.

⎯ Conselleiro de Educación, para que se emenden as deficiencias de material existentes no IES de Milladoiro, e os problemas de seguridade no IES Plurilingüe de Ames e o CEIP de A Maía.

4. Elaborar e aprobar un Regulamento de Organización e Funcionamento Municipal, no que se lle dea participación aos veciños e veciñas.

5. Elaborar e aprobar un Regulamento de Participación Cidadá e poñer en funcionamento o portal de Transparencia para facilitar unha total información sobre o Goberno municipal e a súa xestión. Así coma o compromiso claro do funcionamento institucional dos medios de comunicación dependentes do concello: páxina web, redes sociais e radio municipal.

6. Elaborar unha auditoría enerxética e da rede eléctrica para fomentar un aforro sostible.

7. Elaborar e desenvolver un plan de mantemento e coidado das infraestruturas municipais.

⎯ Fixar un plan de limpeza e mantemento das vías e estradas municipais, que sirva, ademais, para axudar a potenciar o ámbito rural.

⎯ Realizar un plan de obras, limpeza e mantemento dos centros educativos

8. Iniciar os trámites encamiñados á apertura dunha primeira fase do cemiterio dos Batáns, baixo xestión municipal.

9. Actualizar o estudo sobre as necesidades educativas no concello, e reforzar os programas de conciliación familiar.

10. Convocar de urxencia unha Mesa Local do Comercio para poñer en común cos comerciantes medidas de apoio e desenvolvemento do sector.

11. Elaborar un plan de urxencia para a posta en funcionamento do viveiro de empresas, e potenciar o Servizo de Orientación Laboral.

12. Convocar unha xuntanza de traballo inmediata co Comité de Empresa do Concello de Ames para reiniciar o diálogo e a negociación.

13. Activar un programa de apoio e axuda urxente para as persoas afectadas pola crise ou que se atopen en risco de exclusión social. E habilitar servizos de comedor durante os meses do verán e vinculados as actividades lúdicas para nenos e nenas con dificultades alimenticias pola situación económica familiar.

14. Reforzaremos a atención e a axuda municipal contra os desafiuzamentos, e traballar para a creación dunha bolsa de vivendas para alugueiro social.

15. Buscar o consenso nas medidas a adoptar no Ciclo Integral da auga cuxo contrato expira en outubro, co obxectivo da municipalización do servizo.

16. Estruturar os Consellos Municipais de Educación e Deportes de cara a poñer en marcha o seu funcionamento nos primeiros meses de goberno.

17. Aprobar un Código Ético para o Goberno municipal e para a Corporación no que se recolla de maneira clara e rotunda a tolerancia cero coa corrupción.

18. Recuperar as políticas de normalización lingüística na Administración municipal, concienciar da necesidade de preservar a nosa lingua, e abrir novos espazos e redes para fomentar o uso social do galego.

19. Reforzar o Servizo de Atención veciñal para facilitar unha comunicación integral e fluída coa cidadanía.

20. A existencia dun trato igualitario e non discriminatorio das instalacións municipais por parte da veciñanza, achegando e facilitando, ademais, o uso das mesmas.

21. Compromiso claro de traballar pola igualdade real e a tolerancia cero coa violencia de xénero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *