Casa do Concello

O Grupo Municipal Socialista de Ames denuncia novamente a improvisación continua do seu alcalde, Santiago Amor. A falla de planificación deste alcalde está custándolle cartos aos veciños e veciñas deste Concello: “Santiago Amor da mostras manifestas da súa ineficiencia, improvisación á hora de gobernar, sempre vai tarde mal e arrastra” afirma o voceiro socialista, José Miñones, quen lembra que mañá ten que celebrar un Pleno Extraordinario para aprobar “in extremis” en prazo e tempo a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana (cobro retroactivo do lixo). Un Pleno Extraordinario que lle custará aos veciños de Ames 1.700 €, e cuxa Comisión Urxente previa supón un custe aos veciños deste Concello de 770 €. “Somos conscientes de que a Administración Local ten uns procedementos e uns ritmos, pero tamén é certo que con previsión e planificación estes gastos poderíanse ter evitado, agora xa é tarde porque levaron tarde a ordenanza. Semella unha tónica constante de este goberno convocar comisións e plenos extraordinarios” asegura o voceiro socialistas.

O Grupo Municipal Socialista de Ames lembra que xa pediu ao actual goberno local popular que “os mesmos esforzos que pide os funcionarios e veciños de Ames sexan proporcionais co actual equipo de goberno, baixándose un 10% o salario dos concelleiro e pasando de dedicacións de 3 dedicacións a 2” engade José Miñones.

Esta inoperancia do goberno xa se fixo sentir con temas como o programa Amessán cuxo atraso prexudicou directamente a máis de catrocentos maiores do municipio; o Cobro Retroactivo do Lixo para o que precisa dunha Comisión de Urxencia e dun Pleno Extraordinario, coa Conta Xeral que, por primeira vez na historia deste Concello, tivo que convocala a través dun decreto de urxencia; co Plan de Pago a Provedores: “O alcalde de Ames non está á altura dos seus veciños fai as cousas deprisa e correndo e, iso ten un custo económico e humano que repercute nos veciños. Xa o goberno estatal tivo que darlle un tirón de orellas” lembra José Miñones.

Para os socialistas a incapacidade do goberno local de Ames queda patente constantemente, pois a única novidade na súa xestión e a suba de taxas e impostos aos veciños, pois o goberno municipal nestes dezaoito meses non fixo nin unha sola iniciativa e o único que fai e manter algúns programas e servizos que xa estaban en funcionamento co anterior goberno socialista: escola de verán, campamentos municipais, escolas deportivas… “Iso si coa conseguinte subida de prezos, algo que criticaba duramente cando estaba na oposición, pero que agora escondido nunha maioría absoluta aproba por decretazo, sen escoitar aos veciños e cunha manifesta falta de sensibilidade” argumenta o voceiro socialista.