O Grupo Municipal Socialista votará en contra da Licitación da auga a dous anos por coherencia e ante o atropelo do Goberno e o seu decretazo

Os Socialistas acusan ao Alcalde de quedarse ao marxe e ausente das comisións e á Concelleira delegada, Eugenia Martín, de prepotencia

Ames, 05 de xuño de 2014. Os Socialistas de Ames votarán en contra no punto do orde do día do pleno de hoxe sobre a licitación da auga a dous anos. Para os Socialistas tanto a actitude altiva e prepotente do grupo de Goberno como diferentes aspectos da licitación a dous anos son contrarios ao parecer do Grupo Municipal e argumentos máis que suficientes como para impedir un novo atropelo aos amienses.

Dende o pasado 9 de Abril en que o Alcalde de Ames, ausente de todas e cada unha das reunións da comisión da auga, asinaba mediante decreto e de maneira unilateral unha adxudicación a dedo a unha empresa de enxeñaría a execución das labores de asistencia na elaboración de documentos de licitación da concesión de xestión do servizo público dos servizos de saneamento e abastecemento do Concello de Ames, os socialistas decidimos non seguir colaborando na Comisión ao entender que o Goberno deixábanos fora de calquera tipo de decisión ao respecto da licitación, ao ter xa decidido eles a licitación a dous anos.

Máis se cabe esta postura é refrendada unha vez mais polas formas nas que aconteceu dito decretazo, sendo asinado o 9 de Abril e non dignándose a comunicalo a ningún dos membros da comisión da auga nin a ningún dos concelleiros/as da corporación. O Grupo Socialista enterouse desta decisión unilateral ao revisar os decretos que foron entregados días antes do pleno correspondente ao mes de Abril e foi cando o destapou saíndo á luz pública. “Non entendemos como se pode chegar a estar tan cego como para non ver que están en minoría e necesitan da oposición para sacar os asuntos”, afirma o voceiro socialista.

As críticas dos socialistas van mais alá e acusan ao Alcalde en particular de incompetente e irresponsable por non ter falado con eles con tempo suficiente para tratar de chegar a un punto de encontro e salvar un proceso mais que necesario e urxente. “Un Alcalde en minoría non se pode permitir o luxo de chegar ao pleno sen ter intentado por todos os medios chegar a un acordo nun tema tan importante coma este”, asevera Miñones. O Alcalde decidiu delegar todas as xestións deste asunto na súa primeira tenente de alcalde, Eugenia Martín, a cal para os socialistas adolece dunha característica moi importante para este tipo de asuntos e que non é outro que o diálogo. Para os Socialistas a Concelleira actuou nas comisións sempre cunha actitude altiva e prepotente, falta de toda predisposición a calquera tipo de acordo.

Aportacións dos Socialistas nas comisions:

Ata a publicación do decretazo o Grupo Socialista estivo actuando activamente nas reunións das diferentes comisións aportando propostas e asuntos de interese. Así, fomos os Socialistas os que propuxemos no mes de novembro unha licitacion a curto tempo, a cal de inicio non foi tida en conta, tamén propuxemos por entón non deixar morta a vía da licitación mentres se estudiaba a municipalización para gañar tempo, cousa que non se fixo e pola que agora o Goberno trae fora de prazo a licitacion, tamén en decembro propuxemos preguntar a unha empresa externa a posibilidade de facer un novo estudio económico-financeiro para unha nova licitación, cousa que o goberno non estudiara nin prevera, e máis que necesaria no caso de volver a licitar o servizo e ante o pobre estudio anterior da empresa imposta na comisión e contratada a dedo por preto de 14.500€.

Nesa mesma comisión de decembro os Socialistas solicitamos un informe técnico do Concello no que se nos relatasen as alternativas reais coas que traballar, informe que foi redactado e presentado na comisión de febreiro e documento base sobre a toma de decisións. Na comisión de febreiro os Socialistas insistimos na necesidade de facer paralelamente ao servizo unha auditoría seria sobre o estado da rede, punto que pedimos dende o primeiro dia de reunións alá polo mes de febreiro de 2013 e que o Goberno nunca quixo aceptar, tendo que agora dar marcha atrás porque os técnicos ratificaron a nosa postura e nos deron a razón.

Tamén nesa comisión solicitamos estar presentes nas conversas coa empresa pertinente para a opción plantexada da encomenda e que se pasasen por escrito as conclusións de ditas reunións, o cal quedou rexistrado na acta “Jose Miñones solicita que cando veña o representante de EMALCSA a falar poder estar presente. E solicita tamén que as conclusións se fagan por escrito”. Finalmente os Socialistas pedimos que tan pronto como haxa un informe a comisión se volvera a reunir para axilizar os trámites, cousa que nunca mais sucedeu e dende ese 24 de febreiro non se volveu a reunir a comisión ata o pasado 28 de Abril, 2 meses despois, cando xa fora ditaminado e decidido o decretazo e a licitación de costas a comisión.

Os Socialistas de Ames estamos cansos de que o goberno de Santiago Amor se ría de nós e de todos os veciños e veciñas de Ames, xa que é intolerable que menosprecie e salte a Comisión creada para xestionar a licitación do servizo de auga, e decida de maneira unilateral contratar unha empresa sen informar previamente á oposición. “Esta maneira de actuar de Amor e o seu equipo só nos leva a pensar que ten algo que agochar e a dubidar das súas actuacións”, di o portavoz José Miñones, porque de non ser así “cales son as razóns pólas que non nos informa e consulta esta decisión”

Por todas estas razóns que fundamentamos os socialistas, e que poñen de manifesto a soberbia e a prepotencia do goberno de Santiago Amor, o cal a pesares de estar en minoría é incapaz de chegar a acordos coa oposición e quere impoñer os seus cinco concelleiros e concelleiras aos dezaseis restantes.

Entendemos que a licitación do contrato da auga é un dos máis importantes do concello, pero se chegamos a esta situación foi precisamente por todo o relatado con anterioridade.