Din os socialistas que a Igrexa se pode construír noutra parcela do Milladoiro que está libre e dispoñible

Miñones non entende porque debemos de renunciar ao Parque de bombeiros cando é obrigatorio para concello de máis de 20000 habitantes

Ante a situación de parálise na que vive o Goberno do PP, que preside Santiago Amor, os Socialistas de Ames actuamos e facemos propostas encamiñadas a defender os intereses dos veciños e veciñas de Ames e que axuden ao progreso e ao desenvolvemento do noso municipio. Por iso nos movemos e pensamos posibles solucións ao problema pola nova situación do futuro Centro de Saúde do Milladoiro que permitan non perder as dotacións que este Concello necesita e que tanto valeu conseguir como compromisos na Xunta de Galicia.

De aí que na comisión informativa, celebrada o pasado venres, fomos os socialistas os que lle propuxemos ao Goberno unha posible solución ante os novos atrancos xurídicos da parcela inicialmente destinada para o Centro de Saúde no S15. Así, o portavoz socialista, José Miñones, propuxo a posibilidade de facer o Centro de Saúde na parcela do S16 que conta con 8200 m2 e na que se situaría tamén o Parque de Bombeiros sen ter que renunciar ao mesmo. Dita parcela de 8.200m2 conta cunha cesión de 4.700 m2 para o futuro Parque de bombeiros e unha previsión de cesión de 2.000 m2 para a Igrexa, que no pasado pleno do ano 2013 foi aprobada a súa desafectación, debido a un acordo que databa da época do goberno do ex alcalde Astray.

Indican os socialistas que as dotacións do Centro de Saúde e do Parque de bombeiros son básicas e urxentes, e por iso propoñen a construción de ambas infraestruturas nesta parcela de 8.200 m2, dividindo os 5.000 m2 necesarios para o Centro de Saúde e quedando os restantes 3.200m2 para o Parque de Bombeiros, superficies máis que suficientes para ambas instalacións. No tocante aos 2.000m2 cedidos a Igrexa, entendemos os socialistas que non serían dificilmente reubicables noutra zona do Milladoiro en parcelas máis pequenas coas que conta o Concello,que se axusten ás necesidades da Igrexa pero non serven para ningunha das dotación anteriores.

Renuncia ao Parque de Bombeiros
Aos Socialistas non nos sorprende a decisión deste Alcalde renunciando ao Parque de Bombeiros, xa que durante todos estes anos e dende a súa chegada ao Goberno -xa hai case 3 anos- non amosou en ningún momento interese algún pola construción dunha infraestrutura necesaria e obrigatoria para Ames, xa que ao ter máis de 20.000 habitantes debe contar cun parque propio de bombeiros. A parcela que no seu día foi cedida á Xunta está ubicada no polígono S16, moi próximo ao recente Instituto de Milladoiro e conta cunha superficie de 4700 m2. O Alcalde xa anuncia publicamente e de “motu propio” a súa renuncia a esta dotación e deixa ao Concello en mans da improvisación e o “xa se verá”, tal e como afirmou na comisión á pregunta do portavoz socialista, chegando a afirmar que o dos bombeiros está solucionado co convenio con Brión, convenio que remata o 31 de decembro deste ano e ante o que non existe previsión algunha nin solución a curto ou medio prazo. “A desidia e o pasotismo amosado polo Alcalde é preocupante, deixando como sempre todo para o último momento sen previsión algunha”, sentencia Miñones.

“Porque hai que renunciar a calquera tipo de infraestrutura que é necesaria para o concello?” pregunta Miñones, pero “queda claro que o alcalde de Ames está ausente do día a día do concello, tal como demostra a improvisación nos temas importantes e urxentes”, apunta o portavoz.

Ocultación de información
Unha vez máis o Alcalde volveu a dar mostras na comisión da súa forma de gobernar e levar os asuntos importantes de Ames. Ante as preguntas do portavoz do Grupo Municipal Socialista, o Alcalde tivo que confirmar que a parcela do S15 onde ía estar a dotación do Centro de Saúde contaba novamente cun contencioso aberto dende Xuño de 2013, información ocultada á oposición e que descoñecíamos ata o pasado venres. “É indignante ver como o Alcalde unha e outra vez repite os mesmos erros de prepotencia e arrogancia, ocultando información como co problema das escolas deportivas, e quedando de brazos cruzados ante os problemas”, afirma Miñones. Pero o máis grave desta información non é que a oposición non o soubera, senón que o Goberno, sendo coñecedor, non fixo absolutamente nada e só actuou ante os danos ocasionados polos temporais no actual centro de saúde e polas reiteradas críticas e protestas dos usuarios e veciños do Milladoiro, e por iso solicitou unha reunión coa Conselleira para obter un titular e unha foto. “Tardou 8 meses en mover ficha, e cando o fai é para, de forma unilateral, sen apoios e improvisadamente, realizar unha proposta sen estudar nen barallar outras posibilidades”, remata o voceiro socialista.

Está claro que os socialistas traballamos e facemos propostas, porque a pesares das dificultades o Grupo Socialista cumpre coas súas funcións e as súas responsabilidades, e desgraciadamente “non acontece o mesmo co alcalde amiense, porque fai tempo que abdicou das súas funcións no goberno e abandonou aos veciños e veciñas de Ames”, conclúe José Miñones