Reiteran novamente a solicitude dunha Xunta de Portavoces e representantes dos concelleiros e concelleiras non adscritos para coñecer as causas da crise institucional do Goberno municipal

Miñones: “Ames viviu a semana pasada a crise institucional máis grave da súa historia, e o alcalde decide intentar tapar esa situación marxinando á oposición e negándolle as pertinentes explicacións sobre o acontecido”

Os Socialistas de Ames veñen de presentar un escrito no Rexistro municipal no que lle reiteran ao alcalde a súa solicitude de que convoque a unha xuntanza aos portavoces municipais e aos representantes dos concelleiros e concelleiras non adscritos para que o alcalde explique a situación pola que está a atravesar o Goberno municipal de Ames, como se vai a reorganizar este durante os próximos meses de mandato e como e de que maneira van a afectar esta situacións aos veciños e veciñas.

Os Socialistas manifestan a súa sorpresa porque despois de transcorrida unha semana dos graves feitos acontecidos no Goberno municipal, onde nun goberno xa de por si reducido, dimitiron a primeira tenente de alcalde e o segundo tenente de alcalde e portavoz do Grupo Popular, o alcalde non se dignase a dar ningún tipo de explicación e menosprece de ese xeito tan censurable aos demais grupos e concelleiros e concelleiras da oposición.

Lembran os representantes do PSdeG que é a obriga do alcalde cumprir e respectar unhas regras básicas de funcionamento institucional e a súa prepotencia lévano a non respectar estas normas. “Ames viviu a semana pasada a crise institucional máis grave da súa historia, e o alcalde decide intentar tapar esa situación marxinando á oposición e negándolle as pertinentes explicacións sobre o acontecido”, declara o portavoz socialista e candidato á alcaldía, José Miñones. Por iso, e ante este menosprezo, os socialistas danlle de prazo esta semana ao alcalde para que convoque unha xuntanza de portavoces, e afirman no seu escrito, que de non facelo solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario para falar, debater e coñecer a realidade de todo o acontecido durante a semana negra de Ames.

“As formas e modos de Santiago Amor como alcalde pertencen a outras épocas e outros séculos xa pasados, e palabras como transparencia, participación, información, consenso ou talante non forman parte nin do seu vocabulario nin do seu proceder diario”, afirma José Miñones, e continua dicindo que “gobernar é saber escoitar e falar cos veciños e veciñas, e non agacharse e buscar sempre escusas”