Asemblea

Os Socialistas celebraron o pasado xoves a asemblea extraordinaria na que foron elixidos os membros da actual executiva con novas incorporacións pero co apoio incondicional dos anteriores representantes

Francisco Villaverde: “O Partido en Ames debe ter máis forza e traballar máis ca nunca, posto que deben de ser os ollos, os oídos e a boca dos veciños e veciñas de Ames”

“Non era sen tempo, pero a intensa actividade política vivida durante este último ano xunto coa chegada dos socialistas ao goberno amesán foi relegando a un segundo plano esta importante xuntanza. Por motivos laborais e persoais algúns membros que conformaban ata hoxe a executiva solicitaron a súa baixa e debemos aprobar xa unha renovación que reforce o traballo do grupo municipal e do goberno”, sinalou Francisco Villaverde Marcos, Secretario Xeral dos socialistas de Ames ao inicio da Asemblea Xeral da que sairía a nova executiva do partido.

Francisco Villaverde amosou a súa satisfacción polos resultados obtidos tanto nas eleccións municipais, “que aínda que non foron os esperados conseguiuse volver á alcaldía, que era o obxectivo final”; como nas estatais onde o PSdeG-PSOE foi medrando en votos e salientou que “o verdadeiro esforzo comeza agora. Temos que estar á altura do noso programa e dos nosos veciños e veciñas”. “Ábresenos ante nós unha nova maneira de facer política, na que levamos traballando ao longo destes anos de oposición no goberno, escoitando de maneira activa e proactiva á cidadanía, tentando, en todo momento, dar resposta as súas necesidades e traballando sempre a prol dos dereitos dos veciños e veciñas. Acadar este obxectivo é unha obriga de todos os militantes e moi especialmente da nova executiva que hoxe imos elixir”, sinalou o Secretario Xeral.

Dimisión dos concelleiros socialistas
Cabe destacar que da anterior executiva presentaron a súa dimisión os actuais concelleiros de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García; e, a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González. Os motivos salientados por ambos é a intención de dedicarse en exclusiva ao concello aínda que seguirán colaborando e participando de maneira activa, e, ao mesmo tempo dar paso a que novas persoas entren a formar parte da dirección local dos Socialistas de Ames. García destacou que a prioridade do goberno socialista é, e seguirá sendo, a atención aos veciños, unha atención que mellorou moito nestes sete meses de mandato e que, “moitos veciños e veciñas nos están a agradecer. A resposta á cidadanía é un feito”. Pola súa parte, González Cancela afirmou ver con bos ollos as novas incorporacións e recalcou que “como no meu caso, moitos outros que hoxe deixamos a executiva facémolo coa idea de seguir implicándonos, nunca de marchar”.

Destacan os Socialistas que agora é o momento máis importante para o Partido e a Organización en Ames, xa que desde a Executiva se debe de realizar un traballo importante en varias direccións: por unha banda de transmisión do traballo e das medidas desenvolvidas polo goberno municipal, e pola outra como correa de transmisión do que quere e opina a cidadanía amesá e trasladarllo aos membros do Goberno. “O Partido en Ames debe ter máis forza e traballar máis ca nunca, posto que deben de ser os ollos, os oídos e a boca dos veciños e veciñas de Ames”, recalca o Secretario Xeral, Francisco Villaverde.

Os novos membros da executiva formaron parte da lista coa que os socialistas de Ames concurriron ás eleccións municipais de maio de 2015 e que facilitou a súa chegada novamente ao goberno. “Dende a pasada convocatoria ás urnas, o Partido estivo apoiándose de maneira efectiva nos compoñentes da candidatura e parece lóxico conformar de maneira visible ese traballo e dedicación”, aclarou Paco Villaverde, e engadiu que “dende o primeiro momento a sintonía entre os candidatos foi perfecta, traballando en conxunto e cun alto nivel de implicación o que facilita esta pequena transición na executiva”. Son tempos de cambio, de novas ideas, de novos retos e de novas respostas e os Socialistas de Ames seguirán a traballar polo benestar dos seus veciños e veciñas.

A nova executiva socialista amesá fórmana:

Secretario Xeral. Francisco Villaverde
Secretario de Información Municipal. José Miñones
Secretario de Organización. Víctor Fernández
Secretario de Formación. Eva Tomé
Secretario de Economía e Xuventude. Chema Fernández
Secretaria de Mobilización e Actos. Elisa Suárez
Secretario de Medio Ambiente e Patrimonio. Xurxo Santiso
Secretaria de Servizos Sociais e Igualdade. Susana Señorís
Secretario de Cultura e Asociacionismo. Rafael Castro
Secretaria de Sanidade. Rosa Fernández
Secretario de Educación e Deportes. Carlos Trías
Secretaria de Comunicación. Begoña Gómez
Vocais: José Pazos e Ofelia Mayo