Os Socialistas de Ames piden a convocatoria da Comisión das Escolas deportivas para a semana que vén

Miñones di que o alcalde ponse do lado da empresa en vez de estar do lado dos veciños e usuarios”

Solicitan da Concelleira que deixe de atrasar a entrega de toda a documentación esixida na última reunión

Os Socialistas veñen de presentar nesta mesma semana un escrito dirixido ao Alcalde pedíndolle a convocatoria para a vindeira semana da Comisión das Escolas Deportivas recentemente creada e reunida o pasado 8 de xaneiro por primeira vez. O motivo desta solicitude vén motivado pola necesidade de contar con toda a documentación que foi pedida na reunión do pasado día 8 na que participaron os concelleiros da oposición coa concelleira-delegada de Deportes. Nesa xuntanza a concelleira, Mª Eugenia Martín, se comprometeu a achegar ao Grupo Socialista e demais concelleiros e concelleiras non adscritos diversa documentación que aínda non fora aportada polo Goberno, a pesares de ser solicitada anteriormente polos socialistas en varias ocasións. A información solicitada é a titulación dos monitores que imparten as Escolas Deportivas e contratados pola empresa adxudicataria, Eulen S.A. Dita información debería terse entregado dende fai tempo, xa que o Grupo Socialista pediuna por escrito en diversas ocasións sen que se dese resposta por parte do Goberno. Na documentación aportada no pleno de decembro se argumentaba por parte da empresa que pola Lei de Protección de Datos non podían entregar dita documentación, o cal é absolutamente falso polo que a concelleira accedeu a entregala.

No escrito rexistrado polos Socialistas de Ames se pide tamén a asistencia a dita reunión do Coordinador das escolas deportivas da empresa Eulen S.A para que de contestación a diversas incidencias e dúbidas do desenrolo das escolas.

Solicitude de varios informes

Ademais desta documentación se solicitou tamén as actas de asistencia das diversas escolas, información que debería estar reflectida no informe mensual que a empresa ten que entregar ao Concello, pero que non aparecía nin no informe do mes de outubro nin no de novembro. Na citada xuntanza da comisión o Grupo Socialista tamén solicitou dous informes máis da empresa, o correspondente ao mes de decembro e o informe trimestral que ten que entregar a empresa por contrato.

Dende o pasado 8 de xaneiro no PSdeG estamos á espera desta documentación e non entendemos o atraso na súa achega, xa que todos os informes e documentos que pedimos o Goberno os ten no seu poder. Os informes mensuais de decembro e o trimestral teñen que ser entregados no Concello con data límite do día sete de cada mes, e no referente á titulación dos monitores o Concello debe tela dende o primeiro día en que a empresa comezou nas escolas de Ames. En canto as actas de asistencia, estas son entregadas ao Concello ao remate de cada sesión, polo que o Goberno conta con elas e coñece o seu contido.

Mentiras

Para os Socialistas de Ames “o camiño elixido polo goberno de Santiago Amor nas súas declaracións referentes á xestión das Escolas é o peor posible”, e non entende, o portavoz socialista, José Miñones o “porque de poñerse do lado da empresa en vez de estar do lado dos veciños e usuarios” -manifesta. A defensa a ultranza que realiza a Concelleira de deportes sobre o desenvolvemento das Escolas e profesionalidade da empresa que as leva, Eulen S.A., non casa cos numerosos casos de excepcionalidade e queixas que chegan ao Concello e que se deixan sentir en cada unha das escolas.

Neste sentido os socialistas tamén solicitamos na comisión todas as queixas que foron entregadas por rexistro no Concello ou que se fixeron no departamento de deportes en referencia a este asunto dende a súa posta en marcha. «Non imos a admitir o engano e a falsidade neste tema e por iso pedimos ata a última das queixas que haxa, porque sabemos que son moitas mais de cinco como afirma o Goberno do PP», sentencia Miñones. O Grupo Socialista ten constancia da existencia de máis queixas metidas co selo do rexistro e que non foron aportadas na documentación entregada na comisión. «Que o Alcalde trate de dar unha imaxe de normalidade neste asunto afirmando que tan só existen 5 queixas por parte dos usuarios é mentirlle á cara aos veciños, xa que coñecemos ata 64 usuarios que se queixaron do servizo recibido”, afirma o portavoz socialista.

Criticamos o Procedemento

Non criticamos o traballo dos técnicos senón a decisión política de modificar uns pregos anteriores variando a oferta económica con respecto a oferta técnica. Como xa denunciamos dende o primeiro momento o Goberno do PP e de Amor decidiu pola súa conta e risco facer uns pregos nos que a puntuación para a oferta económica fose o 70% da baremación (50 puntos) fronte a un 30% para o apartado de melloras e de calidade (20 puntos). Esta decisión política permitiu que unha empresa con mala puntuación en calidade do servizo gañase o concurso cunha oferta económica temeraria e que actualmente non está cumprindo eses mesmos pregos.

Polo tanto o resultado de ter agora un servizo deficiente e inadmisible ven provocado por unha modificación dos pregos con respecto ao concurso anterior feito no 2010 e no que existía un reparto ao 50% entre a oferta económica e a de calidade. Podemos por tanto afirmar que “é novamente falso que a oferta económica sexa a mesma que no prego do 2010, tal e como declaraba o Goberno no seu comunicado de prensa”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.