Recollen con esta ordenanza a preocupación de moitos veciños e veciñas polos danos que se ocasionaban nas pistas e camiños coa corta, saca e transporte de árbores.

A ordenanza fixa unha fianza de entre 1500 e 3000 euros en función do peso dos vehículos empregados.

O documento foi remitido ás AA.VV de Ames e as grupos municipais e concelleiros e concelleiras non adscritos para que fixeran achegas

Miñones: No noso sentir está facer un documento participativo e consensuado con todos e todas, porque este é un problema conxunto que afecta a propiedades municipais.

Os Socialistas de Ames veñen de elaborar unha Ordenanza para regular as actividades de corta e saca de madeira. Explican os Socialistas que en varias parroquias do municipio durante as visitas que realizaron foron moitos os veciños e veciñas que lle trasladaron a súa preocupación polo estado no que quedaban as pistas forestais e municipais despois de que a empresas madeireiras realizasen as labores de corta e transporte, xa que na actualidade non existía ningunha ordenanza que regulase esa actividade.

Tal e como explican os membros do PSdeG na exposición de motivos do documento, esta ordenanza pretende facer compatible estas actividades forestais coa preservación das vías públicas, seguridade vial, bens municipais e medio natural do Concello; ademais de protexer e velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas de titularidade municipal, tamén, pretende protexer as persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais; e, para o cal é imprescindible que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado.

Así mesmo indican que os veciños e veciñas de Ames teñen dereito a que os camiños e vías públicas se atopen en perfectas condicións, e para elo é necesaria unha intervención administrativa que regule as operacións de corta e saca de madeira e usos equiparables nos montes e parcelas de Ames, tanto públicos como privados; xa que, desgraciadamente, son moi frecuentes os danos que con estas actividades se ocasionan nos camiños e pistas municipais.

O portavoz socialista, José Miñones, explica que esta ordenanza “pretende facer compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección da paisaxe, e a conservación das vías públicas”, e, continúa dicindo, “que o concello non pode quedar ao marxe, e moito menos permitir que se destrúan en varias ocasións vías e pistas municipais sen que se tomen medidas contra os infractores”.

Solicitude de autorización municipal
Esta ordenanza fixa a obrigatoriedade da obtención de autorización municipal previa para a realización de cada operación de corta ou tala forestal e transporte de Madeira, e a solicitude da mesma deberá ser realizada nas dependencias municipais cunha antelación mínima de quince días hábiles. Nesta comunicación deberase facer constar, entre outra información, a referencia e plano catastral das parcelas onde se van desenvolver os labores, a especie da madeira obxecto de tala, así como toneladas a extraer, ou os lugares, días e horarios no que se van desenvolver os traballos de corta, almacenaxe e transporte da carga. Unha vez presentada a solicitude e a documentación completa, os servizos técnicos urbanísticos municipais ou ben os funcionarios da Policía Local comprobarán, en compañía dos solicitantes, o estado físico dos camiños e vías que vaian ser utilizados, obtendo as fotografías que sexan pertinentes para acreditar a súa realidade física.

Garantías e fianza
Con esta ordenanza os solicitantes de cada autorización de corte e saca de madeira deberán presentar coa solicitude o xustificante de ter aboada unha fianza a favor do Concello de Ames, por calquera dos procedementos co fin de responder do amaño dos danos que puideran producir nas vías ou a súa limpeza. Fíxanse dúas contías atendendo ao peso máximo autorizado do maior dos vehículos ou conxunto de vehículos empregados: vehículos con peso máximo autorizado inferior ás 16 Tm, 1.500 €; e, con peso máximo autorizado superior ás 16 Tm, 3.000 €.

Esta fianza será reintegrada e/ou cancelada previo informe favorable dos servizos técnicos municipais, unha vez finalizada a corta forestal.

Trámite e procedemento
Explican os Socialistas que esta ordenanza foi elaborada por membros e colaboradores do PSdeG de Ames, e que se empregaron outras ordenanzas xa existentes e en vigor noutros concellos; ademais, indican, que se lle dou traslado da mesma ás asociacións veciñais amesás para que fixeran as achegas que consideraran oportunas. Posteriormente, se lle dou traslado aos grupos municipais e concelleiros e concelleiras non adscritos para que a coñeceran e poidan realizar todas as suxestións que consideren necesarias. Di Miñones que “no noso sentir está facer un documento participativo e consensuado con todos e todas, porque este é un problema conxunto que afecta a propiedades municipais”.

A principios de ano, os socialistas manifestan a súa intención de poñerse en contacto co goberno para coñecer as súas intencións sobre o documento e debatelo nun pleno. “Está claro que a potestade para realizar a orde do día dos plenos e fixar a orde do día é do alcalde, e por iso esperamos que esta ordenanza que beneficia ao concello sexa presentada e debatida en pleno”, apunta o portavoz do Grupo Socialista.

Ordenanza para regular as actividades de corta, saca e transporte de madeira