Queren, con esta moción, que o pleno de Ames deixe ben claro que están a favor de respectar as liberdades individuais das mulleres á hora de tomar as súas propias decisións

O Grupo Municipal Socialista vén de presentar unha moción para que sexa debatida no vindeiro Pleno ordinario da Corporación. Neste caso o texto presentado busca lograr o acordo maioritario dos concelleiros e concelleiras amienses contra o Anteproxecto de Lei Orgánica polo que o goberno de Mariano Rajoy pretende revisar a lexislación vixente en España sobre saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo, a coñecida reforma da Lei do Aborto que promulga e defende Ruíz Gallardón, o ministro de Xustiza.

A actual Lei, que veu substituír a unha regulación que vinte e cinco anos atrás, supuxo un avance na protección das mulleres, e foi elaborada, debatida e aprobada desde o consenso coa gran maioría dos grupos políticos con representación parlamentaria, tras un traballo extenso en sede parlamentaria na que se contou coa participaron numerosos expertos e considerando as recomendacións de xuristas e profesionais da bioética e a sanidade. Ademais, a Lei aprobada no 2010 reforzou a seguridade xurídica na regulación da interrupción voluntaria do embarazo e incorporou a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Sen embargo, a actual modificación da Lei na que está traballando o goberno do Partido Popular significa un retroceso importante na lexislación española, e un grave ataque á capacidade de decisión das mulleres, xa que se lle retira o dereito de poder decidir de maneira libre en aspectos que afectan á súa vida sexual e reprodutiva. Ademais, que este anteproxecto conta cun rechazo xeneralizado das forzas políticas do Congreso dos Deputados e Deputadas, de moitos representantes políticos e organizacións da Unión Europea, da cidadanía española e ata de varios representantes do propio partido de goberno, do Partido Popular.

É por esta razón que os Socialistas de Ames decidiron presentar esta moción para que a voz do pleno da Corporación municipal deixe ben claro que están a favor de respectar as liberdades individuais das mulleres á hora de tomar as súas propias decisións, especialmente cando son elas as afectadas directamente. Ademais, queren deixar clara a súa disconformidade contra as maneira de actuar do goberno do PP que toma decisións sen buscar consensos e escoitando unicamente aos sectores máis reaccionarios e carcas que pretenden que a lexislación nesta materia sufra un retroceso de 30 anos e nos sitúe nos anos oitenta.