Pídenlle ao alcalde que convoque unha xuntanza para consensuar o POS 2015 e critican o incumprimento de investir en saneamento

Din que nos mes de agosto pediron propostas para o Plan de Obras e Servizos provincial e informaron que no mes de setembro se realizaría unha xuntanza.

Critican ao goberno por non ter realizado unha xuntanza, como en anos anteriores, para debater sobre as obras propostas no POS.

Manifestan os concelleiros e concelleiras do PSdeG que presentaron unha relación de propostas e solicitaron unha xuntanza para debater o POS.

Os Socialistas de Ames amosan a súa sorpresa pola forma no que o goberno de Santiago Amor realizou a proposta do Plan de Obras e Servizos provincial (POS), explican que nesta ocasión o goberno municipal leva a pleno unha proposta realizada de maneira unilateral e sen manter unha xuntanza previa cos grupos e concelleiros e concelleiras da oposición, como si se realizou en ocasións anteriores. Din os representantes do PSdeG no concello amesán que no mes de agosto (día 13) o goberno popular solicitounos por escrito que lle remitísemos ao Concelleiro de Obras e Servizos, Alfredo Taboada, as nosas propostas e nos informaba no mesmo escrito que durante o mes de setembro realizarían unha “reunión ao respecto”.

Explican os socialistas que eles presentaron as súas propostas poucos días despois (26 de agosto) e na que se solicitaba unha xuntanza para debater as propostas.

Foi nesta semana, despois de esperar máis de dous meses por esa xuntanza e de preguntar pola súa celebración en reiteradas ocasións, cando nos achegan xa unha proposta pechada e nos comunican que o prazo para a presentación das obras do POS remata o 1 de decembro, e o pleno no que se votarán as mesmas celebrarase o xoves 27. Ante esta actitude de desprezo amosada por Santiago Amor, na que novamente ningunea e arrincona á oposición ao subestimar as propostas e o traballo realizado os representantes do Grupo do PSdeG manifestan a súa indignación, e consideran “que este goberno e o alcalde non está en posición de querer impoñer os seus criterios e as súas propostas –di o portavoz socialista, José Miñones- e debe de consensuar e dialogar coa oposición, e temos claro que co Grupo Socialista non o fixo”.

Non están en contra de ningunha obra
Recalcan os socialistas que eles non están en contra de ningunha obra que redunde en beneficio dos veciños e veciñas de Ames, aínda que consideran que é necesario establecer unhas prioridades e ter en conta obras que xa foron propostas con anterioridade e que quedaron excluídas; ademais de considerar que é importante acometer obras de saneamento, que é unha reivindicación realizada por un gran número de amesáns e amesás e que durante esta lexislatura o goberno non acometeu ningunha, e existía un compromiso adquirido polo goberno de Santiago Amor e que está a incumplir de incluír obras de saneamento neste POS. “Descoñecemos cal é o criterio empregado polo goberno para propoñer esas obras e non outras –explica Miñones- e gustaríanos coñecelo, de igual xeito que nos gustaría ter un alcalde e un goberno que se dedicase a xestionar en beneficio do concello e a traballar diariamente, e non a estar sentados esperando que o tempo pase e que os prazos se esgoten”; e, continúa dicindo que “é importante cumprir cos compromisos adquiridos –referíndose as obras de saneamento- e nótase que o alcalde non visita as parroquias nin fala cos veciños e veciñas porque senón daría conta da importancia e a necesidade de acometer obras de saneamento”.

Menos obras que en POS anteriores
Destacan ademais os socialistas que neste POS 2015 proposto polo goberno, se realizan menos obras que en ocasións anteriores, xa que só se realizan 7 actuacións, incluído o Plan Complementario. En cambio no POS do 2014 se realizaron un total de 13 obras (incluído o Plan Complementario) e, no 2013, 8 (co Plan Complementario) actuacións, e tendo en conta que no 2013 a cantidade investida era máis de cen mil euros inferior ao deste ano.

Pídenlle, desde o Partido Socialista, ao alcalde que reconsidere a súa proposta e convoque unha xuntanza para debater a proposta que realizaron desde o goberno, e teña en consideración as propostas que se realizaron desde a oposición, e avisan de que “aínda estamos a tempo de buscarlle unha solución a isto e chegar ao pleno cunha proposta maioritaria”, apunta o portavoz socialista.

Conclúen os socialistas dicindo que as maneiras que apunta o goberno do PP e o alcalde Santiago Amor amosan a intención de buscar o enfrontamento coas forzas da oposición ao rexeitar o diálogo e o consenso, e buscar a imposición dunha maneira despótica, co agravante que na actualidade está en minoría clara.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *