ames_recolleita_lixo

O grupo municipal socialista de Ames fai un chamamento á participación veciñal no pleno extraordinario que o alcalde Santiago Amor se viu obrigado a convocar, a petición tanto dos socialistas como de Ames Novo, e que terá lugar mañá xoves 13 de decembro, ás 20:00 horas, na casa da cultura de Bertamiráns.

O voceiro municipal do PSOE de Ames, José Miñones, destaca que “a instancias das forzas da oposición, o Goberno do señor Amor viuse obrigado a convocar este pleno extraordinario no que, por primeira vez e despois de sete meses de conflito, haberá un verdadeiro debate plenario sobre o cobro retroactivo da taxa do lixo”.

Miñones solicita aos veciños e veciñas que asistan á sesión “que manteñan o comportamento responsable e digno que tiveron en sesións anteriores. O que esperamos é que o señor Amor saiba estar nesta ocasión á altura das circunstancias e non cometa erros como os da pasada sesión ordinaria de novembro”. Neste sentido, o voceiro municipal socialista lembra que “se pedimos que o pleno se celebrase na casa da cultura é, precisamente, para que non se poda alegar falta de espazo para así impedir ilegalmente o acceso dos veciños e veciñas de Ames ao Concello, que é a casa de todos, non unicamente do señor Amor”.

Como a sesión plenaria se vai desenvolver nun auditorio de gran capacidade, José Miñones agarda que “ao non haber problemas de aforo non sexa necesario que o señor Amor teña que volver mobilizar a todos os efectivos da Policía Local e non volva a deixar ao concello de Ames sen cobertura policial como aconteceu o pasado 29 de novembro”.

Miñones lamenta que teña que ser a instancias dos concelleiros/as da oposición que se inclúa na orde do día, por primeira vez logo de 7 meses, un debate sobre a problemática do lixo, iniciativa que debera ter feito o Goberno hai moito tempo.

Orde do día

A orde do día do pleno extraordinario respecta a petición conxunta formulada polos grupos municipais socialista e de Ames Novo. Constará de tres puntos:

1- Creación dunha mesa de negociación sobre o cobro retroactivo da taxa do lixo para procurar unha saída negociada que sexa legal e xusta para os veciños.

Neste sentido, Miñones asegura que “o señor Amor e o seu grupo de Goberno levan sete meses facendo as cousas de costas á veciñanza e aos grupos políticos. O que pedimos é que cumpra realmente as súas promesas de diálogo e convoque esa mesa de negociación que se lle pediu”.

2- Adopción do acordo que permita a normalidade democrática do Concello, impedindo situacións como o peche da Casa do Concello aos veciños ou que sexan tratados como delincuentes.

3- Reprobación do alcalde e do Goberno polos graves prexuízos ocasionados á cidadanía afectada, que son responsabilidade directa do alcalde e do Goberno.

Esta sesión extraordinaria foi convocada a petición de PSOE de Ames e Ames Novo, que fixeron valer o seu dereito a solicitar ata 3 sesións plenarias extraordinarias (cada un) de acordo co artigo 46.2 da Lei 7/1985 Reguladora das Bases do Réxime Local. O alcalde Amor aceptou a solicitude de celebrar a sesión nun recinto con maior capacidade, como a casa da cultura de Bertamiráns, mais rexeitou a petición de celebrar o pleno un sábado pola mañá, como solicitaran os dous grupos municipais para facilitar a participación veciñal.