colexio

Miñones di que queda patente que á Xunta está xorda e cega ao ignorar e desatender as solicitudes realizadas pola Anpa e pola Corporación municipal.

Os Socialistas piden maior implicación do goberno municipal e pídenlle a Santiago Amor que de a cara como alcalde.

Fan un chamamento as demais forzas políticas para loitar pola defensa do máis xusto e coherente

A Xunta de Galicia vén de anunciar a adxudicación das obras de ampliación do CEP de Ventín e de informar que as mesmas comezarán previsiblemente na vindeira semana. Sen dúbida, isto pon de manifesto a lentitude coa que se desenvolveron as actuacións relativas á execución desta obra, a cal está anunciada desde primeiros de ano e aínda no mes de xullo, despois de transcorrer un mes desde o remate do curso escolar, aínda non están rematados os trámites administrativos. Para o portavoz do Grupo Socialista de Ames, esta tardanza nos trámites, adxudicación e comezo das obras por parte da Xunta é “unha falla de previsión absoluta, posto que será na segunda quincena do mes de xullo cando comecen os primeiros traballos para acometer a ampliación do centro educativo”.

TRABALLOS DE 6,5 MESES
A Xunta de Galicia tamén informa que os traballos no CEP de Ventín van a durar, inicialmente, en torno aos sete meses (6,5 meses) co cal e tal como xa sabiamos as obras van a coincidir a maior parte do tempo co curso escolar, o que sempre supuxo unha preocupación tanto para a comunidade educativa do centro como para os grupos políticos con representación municipal. O pasado mes de maio a Anpa As Brañas de Ventín amosaba esa intranquilidade e demandaba por escrito á Administración Educativa “unha solución urxente, antes do remate do actual curso escolar, que teña como premisas a incompatibilidade das obras coa actividade lectiva e o mantemento dos servizos de conciliación para as familias (comedores, servizos complementarios e transporte).” E durante o pasado pleno ordinario do concello de Ames aprobouse por unanimidade unha moción na que se plasmaban todas as posibles dificultades que xurdirían ao coincidir o curso coas obras, e acordouse instar á Xunta de Galicia que se aceleraran as obras o máximo posible e que se estableceran tres quendas de traballo nos meses non lectivos e se garanta que as obras non coincidan co horario escolar.

Toda esa preocupación e recelo coa coincidencia das obras e o curso non son compartidas pola Xunta de Galicia que ignora as demandas dos pais e nais e do resto da comunidade escolar, e, menospreza o acordo plenario adoptado por unanimidade. “Queda patente que á Xunta de Galicia está xorda e tamén cega ao ignorar e desatender as solicitudes realizadas pola Anpa e pola Corporación municipal”, afirma José Miñones. “Non sei que razóns poden alegar na Consellería para rexeitar as propostas achegadas sobre todo cando buscan unicamente o mellor para os alumnos e alumnas do centro e a tranquilidade dos seus pais”, pregúntase Miñones. Creo que ninguén poñerá en dúbida que o máis importante é a seguridade dos rapaces e rapazas e que poidan desenvolver a súa actividade lectiva con tranquilidade e normalidade, non con constantes ruídos e interrupcións.

MAIOR IMPLICACIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL
Os Socialistas de Ames tamén botamos de menos maior implicación do goberno municipal, xa que ata o de agora tivo a boca pechada en todo momento e non foi capaz de protestar ou amosar un chisco de malestar por como se desenvolveu todo o proceso administrativo. E esperamos, que unha vez coñecidas as intencións da Xunta á hora de executar a obra, que o alcalde se poña ao fronte e reclame o que as forzas políticas acordamos no pleno ordinario. “Amor debe de dar a cara e defender como alcalde o acordo adoptado por unanimidade por todos”, manifesta o portavoz socialista, “este é un bo momento, ademais, para poñerse do lado da comunidade escolar e dicirlle á Xunta que non están actuando ben”, sentencia Miñones Conde.

Os Socialistas conclúen facendo un chamamento ao resto de forzas políticas para loitar pola defensa do que neste caso é o máis xusto e o máis coherente que é que se respecten os acordos plenarios e se escoite e se atendan as peticións da comunidade escolar do CEP de Ventín.