Critican o exceso de protagonismo que quere asumir agora o alcalde de Ames

Miñones di que os verdadeiros protagonistas son única e exclusivamente os pais e nais do colexio de Ventín, así como a comunidade educativa

Unha vez máis, ante as novas que publican os medios de comunicación, o goberno do PP de Ames, e o seu Alcalde en particular, amosan unha total falta de talante e respecto, tanto polos veciños como ao pleno da corporación. A pesares de debaterse no pleno unha moción de urxencia proposta por toda a corporación e na que se instaba ao Alcalde e a unha delegación da corporación municipal a ter unha reunión de urxencia co conselleiro de Educación, temos que enterarnos polos medios de comunicación que dita reunión xa fora solicitada no mesmo xoves polo alcalde. “Esta actitude que amosa Santiago Amor é un claro exemplo do desprezo e a desconsideración cara o máximo órgano de representación e decisión do concello e sobre todo, e o que é peor, cara os pais e nais afectados”, di o portavoz socialista, José Miñones.

Lonxe de comunicalo, como sería a súa obriga, no pleno á Corporación e aos moitos familiares e afectados que alí se atopaban, ademais doutros moitos que esperaban na rúa porque o Alcalde, unha vez máis, pechou as portas do casa consistorial coa Policía Municipal na porta; o Alcalde preferiu notificar esta nova de reunión a través da prensa, amosando unha vez máis a súa prepotencia, insensibilidade e afán de protagonismo. Para José Miñones “o problema deste alcalde e do Goberno é que están pensando máis nos titulares e en como lavar a súa deteriorada imaxe, que en arranxar os problemas da xente”.

Os Socialistas imos a seguir cumprindo coa solicitude das familias e esixir un arranxo ao problema, ademais de estar ao seu carón para todo o que necesiten a pesares dos desprezos ou deslealdades que o Goberno queira facer con nós ou coas familias. “Sabemos que unha vez máis ao Alcalde se lle volverá en contra este titular porque cada familia que alí estivo presente foi testemuña do silencio do goberno de Ames e das aportacións que fixemos”, afirma o portavoz socialista.

O Grupo Socialista hoxe mesmo presentou un escrito pedindo copia da solicitude oficial da reunión coa consellería , xa que “non vaia a ser que non o fixera de forma oficial e tan só de palabra, como aconteceu coa asunto do centro de saúde” sentenza Miñones, “e como xa leva tantos enganos e burlas á oposición aos amienses, a credibilidade de Santiago Amor non nos permite volver a confiar nas súas palabras”, recalca o socialista.

Finalmente os Socialistas queren deixar ben claro que na reunión que tiveron coas Anpas o mércores anterior ao pleno, e na que estiveron presentes todas as forzas políticas da corporación, a proposta de reunión co Conselleiro saíu de dous dos grupos, Ames Novo e os Socialistas de Ames. A pesares de que sexa agora o alcalde o que intente protagonizar todo o acontecido e capitanear as accións reivindicativas, pero “non esquezamos que os verdadeiros protagonistas son única e exclusivamente os pais e nais do colexio de Ventín, así como a comunidade educativa, e intentar agora sacar tallada de todo isto sería indigno e ruín por parte de quen o intentara”, remata Miñones