Nestas últimas semanas estamos a ver como un grupo ben numeroso de Nais e Pais reivindicaron algo tan evidente e xusto como é a posibilidade de poder elixir. Algo tan lóxico e que para calquera debería ser tan inmediato e sinxelo como o respirar, pois resulta que se está a converter nun completo pesadelo do que esperan poder espertar da única das maneiras posibles… cun sono cumprido. Así as cousas en Ventín estas semanas a comunidade educativa vén de dar un exemplo de cordura, sensatez e saber estar, pedindo o que eles consideran lícito e necesario e facéndoo da mellor das maneiras, con intensidade e respecto, vamos… todo un exemplo!!
Este grupo de nais souberon dende un principio mobilizar á comunidade educativa de Milladoiro buscando o consenso maioritario que a Xunta de Galicia lles esixiu. E fixérono sen ruído, pero con dedicación e tenacidade, e o conseguiron. Logo xurdiron as trabas habituais da Xunta e da Consellería en particular, pero lonxe de intimidarse seguiron avanzando e pediron a axuda e a unidade das forzas políticas de Ames, e tamén a conseguiron. E deron outro exemplo de como se ten que traballar para conseguir os obxectivos e o fixeron coa unidade necesaria, e nesa unidade atopáronnos, como non podía ser doutra forma e a pesares dos pesares.
Afortunadamente demostraron que a sociedade non está morta, e fixeron real esa coñecida frase de “a unión fai a forza”. Aínda hai xente disposta a seguir pelexando por conseguir cousas e son quen de facelas doutra forma e non desfalecer a pesares das trabas. Todo un exemplo do que tomei (tomamos) boa nota, porque foron capaces de ensinarnos que para conseguir as cousas só hai un camiño, o cal en moitas ocasións os que nos dedicamos a isto da política -aínda que sexa de maneira amateur- esquecemos: o camiño do diálogo, o do respecto e o da unidade. Por iso, só podo darlle as gracias a estas nais e pais e felicitalos por ter conseguido o obxectivo polo que loitaron.
Artigo de opinión publicado o día 15 de marzo polo xornal El Correo Gallego