Roupeiro_Ames

Informan os socialistas que foi no mes de setembro de 2013 cando se xirou ao cobro o último recibo.

Os usuarios e usuarias carecen de información por este atraso e amósanse preocupados por temor a que queiran cobrar todo xunto

O Grupo Socialista vén de presentar un escrito no rexistro municipal no que pon de manifesto a preocupación de diversos usuarios e usuarias do programa de axuda no fogar porque desde setembro de 2013 non se lles está a pasar ao cobro mensual o servizo.

Esta inquedanza dos usuarios e usuarias prodúcese porque carecen de calquera tipo de información por parte do concello sobre as causas polas que se produce este atraso nos cobros, e amosan o seu temor a que decidan proceder ao cobro de todos os recibos xuntos co cal lles ocasionaría un enorme trastorno económico, xa que son persoas con pensións baixas.

Algunhas destas persoas acudiron a dependencias municipais para interesarse polas razóns de non xestionar o cobro e saber cando e en que condicións o ían a realizar, pero non obtiveron ningunha información.

Varias preguntas
Ante esta situación o Grupo Socialista, a través do seu portavoz José Miñones Conde, realizan varias preguntas sobre estas deficiencias no cobro do programa de axuda ao fogar. Queren saber cales son as razóns deste atraso no cobro mensual normal, cando se vai a empezar a pasar ao cobro os recibos e de que maneira se van a realizar. Así mesmo os socialistas preguntan se o cobro se realizará de maneira retroactiva desde outubro de 2013 (incluído) e se van a dar facilidades aos usuarios e usuarias para afrontar os pagamento e se lles vai a facilitar a información pertinente antes de comenzar a pasar os recibos.

Para o Grupo Socialista é importante que este cobro cando se produza sexa dun xeito que favoreza aos usuarios e usuarias da axuda no fogar, xa que eles non teñen a culpa da mala xestión no cobro deste servizo como para ter que afrontar agora o pagamento deses atrasos. Polo que esperan que se favoreza e axude no momento que se proceda á recaudación dos recibos.