O pasado mércores José Miñones presentou un escrito de queixa no que solicita que se inste ao Concello de Ames a facilitar ao Grupo Municipal Socialista o acceso ao procedemento de licitación e á documentación que se atope tramitada ata á data.

Miñones: “Esperaremos a recibir a información e analizala en profundidade para saber con exactitude se Santiago Amor e o goberno do PP que preside, cometeron algún tipo de irregularidade administrativa”

O Grupo Municipal Socialista de Ames presentou o pasado mércores 16 de abril unha queixa ante o Valedor do Pobo pola falla de información facilitada polo Concello de Ames en relación ao procedemento de adxudicación do Transporte Adaptado do municipio.

Lembran os socialistas no seu escrito que foi no mes de marzo de 2011 cando se procedeu a publicar o concurso público “Prego de cláusulas administrativas particulares que haberán de rexer para a contratación mediante procedemento aberto (con varios criterios de adxudicación) do Servizo de transporte adaptado para persoas con discapacidade do Concello de Ames”. Como se comezou a apreciar unha importante tardanza resolución do expediente o 29 de xuño de 2012 presentamos o primeiro escrito solicitando acceso a dito Expediente así como información do estado da tramitación, recibindo o 6 de xullo de 2012 a primeira resposta por parte do Concello na que se nos denega o acceso ao expediente ao “estar en trámite”.

Seguimento exhaustivo
O Grupo Socialista amiense realizou un seguimento exhaustivo a esta licitación á espera de ter novas sobre o estado da mesma, e dado que non recibimos ningún tipo de nova o 25 de setembro de 2013 procedemos a presentar, novamente por Rexistro, unha ampla solicitude de información acerca do estado do procedemento; obtendo como resposta un escrito o día 26 de setembro de 2013 no que se nos convoca a unha xuntanza para tratar o “suposto futuro Regulamento sobre o transporte adaptado”, e, dado que non se resolvían as nosas requisitorias enviamos un e-mail comunicando que non teríamos incovinte en acudir a devandita xuntanza para tratar o tema do Regulamento, pero se seguía a manter a solicitude da documentación pedida no escrito anterior.

Sen información por parte do goberno
A día de hoxe continuamos á espera da información solicitada, a pesares que en diferentes ocasións volvemos a reiterar tanto por escrito como verbalmente nos plenos e comisións esta información. É por esta razón, e despois de transcorridos xa máis de tres anos da saída a concurso público do Servizo de Transporte Adaptado de Ames, é polo que nos vemos na obriga de acudir a instancias superiores para intentar que o alcalde Santiago Amor e o goberno que preside se digne a facer pública esa información. Miñones Conde, o portavoz socialista e o asinante do escrito ante o Valedor do Pobo di que “é intolerable que este goberno se burle dunha maneira tan descarada dos grupos da oposición e menosprece aos veciños e veciñas de Ames”, por iso afirma que “este tipo de actuacións de ocultar de información non deberían de quedar impunes posto que atacan directamente o dereito dos grupos políticos ao acceso á documentación solicitada e que se regula no ROF”.

Tres anos sen adxudicar o servizo
Os socialistas só esperan ter acceso a esta documentación para poder coñecer cales son as razóns polas que o goberno do PP aínda non adxudicou este servizo a pesares de ter que facelo xa no ano 2011, e ademais de non dar ningún tipo de explicación aos cidadáns porque tomou esa decisión, xa que se está a ocasionar un grave prexuízo económico ás arcas municipais posto que as cláusulas existentes no novo prego supoñían un cuantioso aforro mensual.

“Esperaremos a recibir a información e analizala en profundidade para saber con exactitude se Santiago Amor e o goberno do PP que preside, cometeron algún tipo de irregularidade administrativa”, manifesta José Miñones